MENCÍA

Variedade cultivada principalmente no noroeste español, no Ribeiro resulta unha variedade bastante completa para a elaboración de viños novos, de paso amable e de intensa aromática primaria; participa na elaboración de viños monovarietais e plurivarietais.

Agronómicamente é unha variedade de brotación temperá e de ciclo curto polo que madura con facilidade e é sensible a xeadas tardías. É unha variedade de fertilidade e produtividade alta roldando as 14 - 16 Tn/Ha. O seu cultivo esténdese e é apto para todas as zonas da denominación destacando a súa aptitude para localizacións de maduración tardía. O seu porte é semierguido e é sensible ao mildiú, ao oídio, á botrytis e á excoriosis.

Máis información

Os viños monovarietais que produce son finos, elegantes e afrutados recordándonos principalmente a pequenos froitos do bosque vermellos e negros. Pode alcanzar altas gradacións que roldan os 12 - 14 º alcohólicos e normalmente constan dunha acidez total lixeira de 4 a 4.5 g/l expresada en ácido tartárico e pouca estrutura polifenólica, resultando viños novos algo golosos e de paso fácil, con pouca aptitude para a crianza.