TREIXADURA
Distinguida, armoniosa, completa, a Treixadura é a variedade branca raíña do viñedo do Ribeiro, é perfecta para a zona expresando nela todo o seu potencial. En progresiva implantación está desprazando a outra variedades menos apropiadas para esta zona; resulta insubstituíble na Comarca do Ribeiro e foi a principal responsable de que os nosos viños alcanzasen a súa mítica fama. É unha variedade de brotación e maduración tardía e polo tanto sensible á altitude, polo que a medida que se ascende polas ladeiras e descenden as temperaturas, diminúen as posibilidades de que complete adecuadamente a súa maduración, predominando o seu cultivo en vales e ladeiras ben orientadas. Presenta forte vigor e fertilidade media e a súa produción é de 12 a 15 Tn/Ha de excelente potencial cualitativo. É pouco resistente á seca e necesita de terreos cálidos. Ten sensibilidade media ao oidio e ao mildiu e é sensible á Botrytis cinerea e excoriose.