A D.O. Ribeiro asiste con catorce adegas á primeira edición da Experiencia Verema Vigo

A D.O. Ribeiro e catorce das súas adegas asistirán novamente a unha Experiencia Verema, esta vez, na cidade de Vigo. Buscan consolidar a súa imaxe como líder en viños brancos de calidade no seu mercado por excelencia, Galicia, a través da súa participación no evento. A Experiencia Verema Vigo celebrarase no Auditorio Pazo de Congresos Mar de Vigo o 28 de novembro e estará enfocada a profesionais do sector (sumilleres, distribuidores, medios de comunicación…) e a amantes do mundo do viño.

Conscientes do interese crecente nos viños elaborados con variedades autóctonas da D.O. Ribeiro, a xerente do C.R.D.O. Ribeiro, Cristina Alcalá, impartirá unha nova cata temática. “Ribeiro. Esencia Galega” terá lugar dende as 13.30 ás 14.30 horas e percorrerá as cualidades diferenciais da D.O. máis antiga de Galicia, invitando a catar unha representación de sete viños de diferentes tipoloxías e rangos das adegas presentes.

O principal obxectivo da participación neste acto é consolidar e fidelizar a marca D.O. Ribeiro en Galicia, amosando aos asistentes viños singulares, finos e elegantes, con marcada personalidade e diversidade, así como un maior coñecemento das súas variedades autóctonas, tanto brancas como tintas.

As 14 adegas participantes, Adegas Valdavia, Alter, Antonio Cajide, Antonio Montero, Bodega Alanís, Bodegas GRM, Cunqueiro, Quinta do Rebolo, Ramón do Casar, Terra do Castelo, Valdepuga, Val do Deva, Viña Costeira e Viña Mein, buscan incrementar ou afianzar a súa presenza comercial no mercado de Vigo, a cidade máis poboada de Galicia, con case 300.000 habitantes.

Verema acude a Vigo nun momento de retroceso no consumo de viño en Galicia, debido ao cambio de hábitos de consumo nas novas xeracións ou o descenso de poboación. Segundo información do informe do Observatorio Español del Mercado del Vino (OeMV) realizado cos últimos datos dispoñibles do MAGRAMA sobre o consumo alimentario, o gasto medio en viño nos fogares galegos no último ano caeu un 10%, mentres que no conxunto do España subiu un 1,5%. Se analizamos os datos por volume de viño consumido, reflíctese que o consumo en Galicia caeu un 11% ata os 9 litros per cápita, tendencia contraria ao conxunto do estado, onde se incrementou un 0,6%.

O C.R.D.O. Ribeiro continúa deste xeito a súa misión, ampliando as liñas fixadas no seu plan estratéxico 2014-2016, baseadas na fidelización no seu mercado vocacional, Galicia e desenvolvemento de negocio das adegas nas zonas máis importantes de consumo nacionais e abrindo mercados potenciais en todo o mundo.

Verema, clube de viños e comunidade de afeccionados a viño

Verema é o portal líder de consumidores de viño español con máis de 5,5 millóns de usuarios únicos/mes; e referencia de fala hispana do sector, ocupando a primeira posición de comunidade de foreiros a nivel mundial, que debate e prescribe viños de todo tipo. O seu clube de vinófilos e expertos, nutre con éxito coñecemento aos amantes do viño de todo o país experiencia tras experiencia.

Os seus asociados son profesionais e winelovers de poder adquisitivo medio-alto, bloggers, prensa, hostalería, distribución… Este soporte de comunicación conta ademais cunha ampla difusión en medios especializados, e redes sociais, así como a súa propia comunicación dentro do portal verema.com.

Se quere inscribirse para asistir como profesional á Experiencia Verema Vigo pode facelo no enlace www.verema.com/promociones/promocion-club/experiencia-verema-vigo-2016