CATA A ARTE 2019

A sexta edición do ciclo Cata a Arte terá lugar un ano máis no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense. Cata a Arte inclúe presentacións e degustacións de catro das súas adegas acompañadas de accións culturais paralelas como poesía, monólogos, country e jazz.


Novamente, as catas terán un carácter solidario. O C.R.D.O. Ribeiro colabora coa organización Cáritas Diocesana de Ourense, polo que nesta sexta edición, solicitarase aos asistentes un donativo a favor desta entidade que abarca diferentes ámbitos de actuación, dende programas de acollida, vivenda, infancia, etc. ata múltiples proxectos de voluntariado ou acción e dinamización social.

7/11/19

ARCO DA VELLA. A ADEGA DE ELADIO

Arco da Vella a Adega de Eladio é unha pequena adega familiar que vén dunha saga de antigos viticultores-adegueiros asentados no concello de Beade. Co gallo de seguir a tradición herdada, Benito Eladio Rodríguez Fernández remodela a nova adega dotándoa de maquinaria e elementos de elaboración actuais e cultivando as viñas herdadas inicia, no 2004, nova andaina no seo da D.O. Ribeiro.O camiño a seguir basease nos seguintes propósitos: viticultura: tradicional cuasi ecolóxica en viñas propias e cepa vella, castes autóctonas, sen herbicidas, insecticidas, nin antibotríticos velenosos. Elaboración tradicional con lévedos das propias uvas e temperatura de fervura controlada mediante equipo de frío.

RECITADO DE POEMAS Á VIÑA E AO VIÑO

Recitado de poemas á viña e ao viño por parte de Armando González López (poeta médico e letrista de María do Ceo), Pepa Álvarez Gómez (poeta e declamadora de Verín) e Benito Eladio Rodríguez Fernández (fundador da adega Arco da Vella a Adega de Eladio, poeta de Beade e membro do grupo “Por un Ribeiro poético”).

14/11/2019

CATRO PARROQUIAS

Catro Parroquias é un viño branco elaborado con Treixadura, a variedade raíña da D.O. Ribeiro da man de Bodegas Loeda. É unha adega familiar, situada en Sampaio – Ribadavia, que comezou alá polos anos 20 ata día de hoxe, pasando sempre por diversos cambios. Actualmente o propietario é Alfredo Domínguez Rodríguez.

MONÓLOGO DE ALBERTE MONTES

Alberte Montes é actor, guionista, director, locutor... Na súa faceta de actor ten participado en varias ficcións, a máis coñecida foi Fariña, emitida en Antena 3, e actualmente está a traballar nun proxecto televisivo para a TVG. Como humorista formou parte do elenco de Comedy Central e xira por toda España cos seus espectáculos de monólogos. No apartado televisivo destaca tamén como colaborador na canle GOL participando en dous dos seus programas, "Los lunes al Gol" e "Los Infiltrados". O seu espectáculo: Galego pode selo calquera... (monólogo): Ser galego é doado? Depende. Os galegos temos un xeito de ser característico e diferenciado doutros pobos e culturas que nos rodean. Historicamente teñen empregado os tópicos para ridiculizarnos e mofarse de nós, feito que explicaría en parte que arrastremos algo de autoxenreira. Eses tempos foron pasando e agora xa somos quen de defendernos con orgullo dese estigma combatendo aos ignorantes, ríndonos dos propios defectos e chufando das nosas diferenzas.

21/11/19

ALBERTE

Nas soleadas ladeiras de Arnoia medran as súas cepas ancestrais, a unha altitude media de 300 metros, onde os solos graníticos e un clima atlántico marcan a calidade das uvas. Unha viticultura tradicional e de baixos rendementos, garante a obtención dunhas uvas nas que se reflicte o carácter varietal e do “terroir”. Así chegan á adega, onde son elaboradas con respecto. A orelas do río Arnoia nun edificio de arquitectura tradicional sitúanse as modernas instalacións de Bodegas Nairoa. Coas mellores materias primas, unha vinificación tradicional e a aplicación dos últimos avances tecnolóxicos están elaborando os seus viños de alta expresión, personais, complexos e harmónicos.

MÚSICA COA BANDA OS FORTASTEIROS

Os Forasteiros ollan ao country, ao folk, ao bluegrass e ao cajún. Cruzan esas fronteiras musicais e propoñen unha alegre e orixinal proposta grelo-western con temas propios en galego e versións do repertorio country e bluegrass clásico. A banda estrenou o ano pasado o seu primeiro EP orixinal titulado ‘Grelos Western’. Os Forasteiros, liderados polo cineasta italo-galego Simone Saibene, toman vida na Garizona ourensana no 2013. Simone Saibene (voz e guitarra) é o compositor dos temas e o único elemento fixo do grupo. Moitos músicos acompañaron, acompañan e acompañarán Os Forasteiros durante concertos e gravacións. No concerto en acústico do 21 de novembro no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, Simone Saibene (voz, guitarra e armónica) será acompañado por Kakus Campos Seijo (violín), Alfonso Aydillo (steel guitar e mandolina) e David Outumuro (percusións).

28/11/2019

BODEGA ALANÍS

Bodega Alanís leva dende 1910 elaborando magníficos e singulares viños na D.O. Ribeiro potenciando o uso das castes, como Treixadura ou Torrontés. Caracterízase por conciliar de xeito natural a creación de viños modernos co respecto a unha tradición vitivinícola largamente arraigada na zona. A adega goza dunhas modernas instalacións con capacidade para dous millóns de litros, que a consagran como unha das máis grandes da rexión.

MÚSICA CON 4MAL QUARTET JAZZ

4Mal Quartet Jazz é un grupo de O Carballiño, nado en 2015 e formado por Alexandre Cabanelas (saxos), Ángel Alfonso Gulías López (piano), Alberto "Roni" (contrabaixo, baixo eléctrico) e Alex González (batería). O seu repertorio é un conxunto de temas orixinais, standards de jazz e versións de outros temas. En 2017 lanzan un crowdfunding para poder gravar o seu primeiro disco de estudio e publican “Perspectivas”, composto por 10 temas de composición propia, menos a pista 8. Despois do lanzamento, o cuarteto sae de xira-presentación por todo Galicia. En febreiro de 2019 lanzan un single titulado “Pick Up Your Name”, que nos transporta a novos horizontes do jazz.


29 Novembro, 2019

Bodega Alanís e 4Mal Quartet Jazz clausuran o Ciclo “Cata a Arte” con aforo completo

Bodega Alanís presentou onte o seu viño branco Gran Alanís 2018 da man do seu enólogo, Antonio Muñoz, para unha abarrotada sala na última sesión da […]
22 Novembro, 2019

Nairoa e “Os Forasteiros” protagonizan a terceira xornada de Cata a Arte en Ourense

Nairoa, a adega sita no corazón de Arnoia, presentou onte os seus viños Alberte e Val de Nairoa no terceiro evento do ciclo “Cata a Arte” […]
15 Novembro, 2019

Alberte Montes arrinca sorrisos en Ourense co viño Catro Parroquias

Bodegas Loeda, situada en Sampaio, Ribadavia, presentou onte os seus viños, Catro Parroquias Treixadura e Viña Leda, na segunda das xornadas do ciclo “Cata a Arte” […]
9 Novembro, 2019

Arco da Vella a Adega de Eladio inaugura o ciclo “Cata a Arte” en Ourense

Arco da Vella a Adega de Eladio deu onte o pistoletazo de saída á sexta edición do ciclo “Cata a Arte” coa presentación e degustación do […]
31 Outubro, 2019

O C.R.D.O. Ribeiro e o Centro Cultural Marcos Valcárcel presentan a sexta edición do ciclo “Cata a Arte”

Celebraranse presentacións e degustacións de viños de catro adegas con accións culturais Ourense, 31 de outubro de 2019. O C.R.D.O. Ribeiro vén de presentar esta mañá […]