TREIXADURA

Distinguida, armoniosa, completa, a Treixadura é a variedade branca raíña do viñedo do Ribeiro, é perfecta para a zona expresando nela todo o seu potencial. En progresiva implantación está desprazando a outra variedades menos apropiadas para esta zona; resulta insubstituíble na Comarca do Ribeiro e foi a principal responsable de que os nosos viños alcanzasen a súa mítica fama. É unha variedade de brotación e maduración tardía e polo tanto sensible á altitude, polo que a medida que se ascende polas ladeiras e descenden as temperaturas, diminúen as posibilidades de que complete adecuadamente a súa maduración, predominando o seu cultivo en vales e ladeiras ben orientadas. Presenta forte vigor e fertilidade media e a súa produción é de 12 a 15 Tn/Ha de excelente potencial cualitativo. É pouco resistente á seca e necesita de terreos cálidos. Ten sensibilidade media ao oidio e ao mildiu e é sensible á Botrytis cinerea e excoriose.

Máis información

Os viños que produce son aromáticos, finos e elegantes, con recordos a froitas, delicadas notas florais e toques balsámicos. Alcanzan sinxelamente os 12º - 13.5º alcohólicos, que se compensan coa súa acidez total entre 5.5 e 7 gramos por litro expresada en ácido tartárico, o que fai que resulten frescos, equilibrados, saborosos e untuosos. Pódense atopar monovarietais de Treixadura no Ribeiro, pero a maioría aposta pola sabia mestura das distintas variedades autóctonas con predominio da Treixadura, o que enriquece e fai única esta comarca, conseguindo viños armónicos e equilibrados desde o viñedo, viños diferentes, singulares e únicos. Estos viños nos que predomina a Treixadura adoitan ter unha boa e positiva evolución polo menos ata 2 anos da vendima.