Consello Regulador


HISTORIA

As Ordenanzas Municipais de Ribadavia de 1594 xa determinaban os lugares e parroquias que podían producir e vender viño do Ribeiro, que operacións de manipulación estaban permitidas e que sancións terían quen incumprira dita Ordenanza. Estas Ordenanzas son un precedente dos Regulamentos dos actuais Consellos Reguladores. A Organización Mundial da Propiedade Intelectual recoñece estas ordenanzas como os primeiros indicios de protección dunha indicación xeográfica no dereito español. En 1932 a Denominación de Orixe Ribeiro queda protexida coa publicación do Estatuto do Viño que foi elevado a lei o 26 de maio de 1933. Posteriormente constituiríase o Consello Regulador mediante a orde do 6 de decembro de 1956 sendo aprobado o seu primeiro Regulamento en 1957. Actualmente réxese por un segundo regulamento do 2 de febreiro de 1976. Este regulamento foi modificado mediante a Orde do 19 de abril de 2004, publicada no Diario Oficial de Galicia o 28 de abril de 2004, para incluír como produto amparado o Viño Tostado do Ribeiro.

O 31 de xullo do 2009 o regulamento foi modificado para adaptalo á nova OCM do sector vitivinícola (Regulamento -CE- 473/2008) pasando así o C.R.D.O. Ribeiro a ser una corporación de dereito público dotada de personalidade xurídica propia. Funcións e obxectivos Os seus principais obxectivos son amparar e protexer os produtos desta zona vitícola así como fomentar e controlar a calidade dos mesmos, a defensa da denominación, a aplicación do seu regulamento e a vixilancia do seu cumprimento, así como a promoción e o fomento da comercialización. O Consello Regulador controla todas as fases de produción dos viños acollidos á Denominación de Orixe garantindo ao consumidor as condicións organolépticas e físico-químicas do produto mediante a correspondente precinta de denominación de orixe.


GARANTÍA DE ORIXE E CALIDADE


ORIXE

No seu inicio, certificábanse as partidas destinadas á venda como viño a granel de Ribeiro. Partindo das declaracións de colleita que presentaban os viticultores e elaboradores no Consello Regulador, certificábase cada partida expedida para a venda, mentras os vedores do consello en visita de inspección, controlaban as partidas á venda nos establecementos.

Sobre o ano 1957 realizáronse embotellados que se comercializaban principalmente en Galicia. Nese ano, unha adega pioneira da D.O. Ribeiro embotellaba viños gasificados seguindo o procedemento dos elaboradores do Penedès. Actualmente, os viños escumosos están amparados legalmente pola Denominación de Orixe.

En 1964 celebrouse por primeira vez a Feira do Viño do Ribeiro en Ribadavia (Ourense), promocionando a feira cunha caravana que percorría toda Galicia. Ás botellas colocábaselles unha especie de precinta que cubría o tapón e que era expedida polo Consello Regulador especialmente para a ocasión. Sobre o ano 1967 comezaron os primeiros controis das etiquetas dos viños mediante un troquel realizado na mesma etiqueta das botellas.

A partir do ano 1977 foise impoñendo, con dificultade e esforzo, a precinta certificadora para o recoñecemento público da marca D.O. Ribeiro.

O deseño da primeira precinta fíxose diferenciándose das que naquela época existían en España. Así, optouse por amosar o mapa de cada zona da rexión baseándose nos escudos e anagramas que representan o Ribeiro e Galicia: escudo da Xunta de Galicia, escudo de Ourense, escudo de Ribadavia e os 13 roeles do Castelo de Ribadavia. No ano 1992 redeséñase a súa nova imaxe con outras medidas pero cos mesmos anagramas.


PRECINTA

En xaneiro de 2017, e despois de 40 anos, o C.R.D.O. Ribeiro presenta o seu novo deseño adaptándoo a unha nova época e cunha nova imaxe.

O obxectivo é mostrar a personalidade dos viños da D.O. Ribeiro aunando a esencia dunha denominación de orixe centenaria cunha a marca harmónica e xenuína que aposta polo futuro. Un dos cambios máis destacables é a unificación nunha soa precinta de todos os tipos de viños que se elaboran baixo o amparo da Denominación de Orixe: brancos, tintos, Tostado do Ribeiro e escumosos. Cunha numeración específica en cada precinta, o control de calidade, garantía de orixe e trazabilidade das partidas están aseguradas.

Ao final da década de 1980, a Real Casa de la Moneda, Fábrica Nacional de la Moneda y Timbre, comezou a imprimir as precintas para o Consello Regulador D.O. Ribeiro, un produto de garantía que inclúe diversas medidas de seguridade.

precinta ribeiro

FUNCIÓNS

Os seus principais obxectivos son amparar e protexer os produtos da súa zona vitícola así como fomentar e controlar a calidade dos mesmos, a defensa da denominación, a aplicación do seu regulamento, prego de condicións e sistema de calidade, así como a vixilancia do seu cumplimiento. Tamén é unha das súas finalidades a promoción da marca Ribeiro e o fomento da comercialización.

O Consello Regulador controla todas as fases de produción dos viños acollidos á Denominación de Orixe garantindo ao consumidor as condicións organolépticas e físico-químicas do produto mediante a correspondente precinta de denominación de orixe.

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Ribeiro ten identificado na súa estrutura un órgano de control e de certificación dacordo co disposto no artigo 15.1 apartado b) da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega; e no artigo 65 del Decreto 4/2007, de 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores.


OBXECTIVOS

- A mellora contínua da calidade total do produto, fomentando a diferenciación e a conservación das nosas características propias sen perder a necesaria evolución técnica.

- Control de calidade riguroso dende a produción á comercialización.

- Garantía de orixe representada na contraetiqueta expedida polo Consello Regulador.

- A ampliación dos actuais mercados de venda e a xeración de novos mercados nacionais e internacionais.

- Potenciación das peculiares e representativas variedades autóctonas do Ribeiro, con investigación, reconversión e reestruturación do viñedo.

- A adaptación ás novas estruturas lexislativas vitivinícolas.

- O coidado e a defensa dos viños acollidos á denominación.


ÓRGANO DE XESTIÓN

Pleno do Consello Regulador composto por:

- Presidente

- Vicepresidente

- Vogais: tres en representación do sector vitícola, tres en representación do sector vinícola, tres en representación do sector cooperativo e un en representación do sector de colleiteiros.

- Dous vogais delegados en representación da Consellería do Medio Rural e Mar da Xunta de Galicia.

O pleno organízase en dúas comisións: Comisión de Promoción e Comisión Permanente para tratar temas específicos. Ademais, cóntase con:

- Secretaria-Xerente

- Departamento Técnico

- Departamento de Promoción e Marketing

- Departamento de Administración

ÓRGANO DE CONTROL

Realiza os controis sistemáticos do sistema de autocontrol dos operadores que elaboran ou comercializan viño baixo o amparo da denominación de orixe protexida, así como a súa trazabilidade. Está composto por inspectores, técnicos, vedores e o panel de cata organoléptico.

COMITÉ DE CERTIFICACIÓN

Órgano creado no Consello Regulador co obxectivo de tomar s decisións relativas á certificación de produto das adegas.

COMITÉ DE GARANTÍA DE CALIDADE

Órgano que funciona como mecanismo independente ao Consello Regulador e que participa no funcionamento do proceso de certificación.

organigrama-ribeiro