Os nosos viños

Viños do Ribeiro, mosaico da diversidade


Viños de paisaxe e territorio tradicionalmente elaborados por sabias mesturas de variedades autóctonas, cada unha delas aportando as súas peculiaridades para obter viños auténticos e xenuínos. Viños de marcados rasgos atlánticos, frescos, finos e elegantes, matizados por unha suave influencia do clima mediterráneo. O característico factor de transición climática xunto coas orientacións e pendentes da viña, a utilización e mestura de variedades locais e o tipo de solo, marcan o estilo Ribeiro. Ademais, a diferenciación dos tres vales (Avia, Miño e Arnoia) que compoñen la denominación de orixe converten a Ribeiro nun mosaico da diversidade.

TIPOLOXÍA


Os viños da D.O. Ribeiro divídense en cinco categorías:

- Ribeiro Castes

- Ribeiro Barrica

- Ribeiro Escumoso

- Tostado do Ribeiro

- Ribeiro

Ribeiro Castes, brancos e tintos, diferéncianse da categoría Ribeiro en que están elaborados 100% con variedades preferentes. Son de máis calidade e representativos da denominación, e están identificados na súa etiqueta para que o consumidor poida distinguilos. Ao igual que as categorías Barrica, Escumoso e Tostado do Ribeiro, que tamén son elaborados exclusivamente con uvas preferentes e poden ser identificados na etiquetaxe, presentación e publicidade por parte da adega. O 90% da produción concéntrase nos viños brancos, os vinos tintos representan o 9%, mentras que o Tostado e Escumoso apenas alcanzan o 1%.

Viño Branco


De produción maioritaria, os viños brancos están elaborados na súa maioría coa uva Treixadura acompañada con outras variedades en menor proporción. Adoitan ser viños xoves e con alto potencial de envellecemento en botella.

Destacan pola súa elegancia e sutileza, os aromas de froitas maduras e froitas frescas, notas florais, meles, herbas aromáticas e balsámicos. En boca son equilibrados, finos e delicados. Viños harmónicos, frescos, aromáticos e de boa persistencia. Os brancos do Ribeiro son viños gastronómicos e versátiles que evolucionan moi ben en botella.

rb-web-blanco-nprecinta
rb-web-tinto-precinta

Viño Tinto


Os viños tintos do Ribeiro son auténticos, con carácter e xenuínos. Representan sobre o 10% da produción e a súa personalidade vén marcada polas uvas autóctonas.

Intensos, orixinais e expresivos. Caracterízanse polos aromas de froitas vermellas e negras, notas florais de violetas, regaliz, especias e balsámicos. Tintos de boa carga tánica, carnosos, estruturados e cun punto de acidez que potencia o seu frescor e equilibrio.

Viño Tostado


Viño naturalmente doce de larga tradición en Ribeiro. Unha auténtica xoia enolóxica de produción laboriosa, complexa e moi escasa.

Para a súa elaboración unicamente se utiliza o mosto procedente da selección das mellores uvas autóctonas pasificadas a cuberto. É un viño doce intenso, complexo e peculiar. Aromas de froitos secos e confitados, mel, flores amarelas, doce de marmelo, pel de laranxa confitada. Viños concentrados con bo equilibrio entre a acidez e o dulzor. Untuosos, aveludados e moi persistentes no padal.

Elaboración do Tostado do Ribeiro
rb-web-tostado-precinta

"Un groliño de tostado Ribeiro é sol nos salgueiros e nas parreiras dos teus ollos". Ramón Otero Pedrayo, O desengano do prioiro


Escumosos


Viños elaborados coas variedades preferentes mediante o “método tradicional”.

No ano 1957 xa se elaboraban viños escumosos na D.O. Ribeiro. Foron amparados legalmente no ano 2017 nos seus tipos Brut e Brut Nature, tanto rosados coma brancos. A principios dos anos 80 do século XX empezáronse a realizar elaboracións máis continuadas de viños escumosos así como investigacións para analizar o seu potencial en Ribeiro. Utilízanse principalmente variedades que aportan maior estrutura, axeitada acidez e pH. Só poden ser elaborados con uvas preferentes.