A terceira edición de Cata a Arte todo un éxito en Ourense

A terceira edición de Cata a Arte todo un éxito en Ourense

Bodega Alanís deu o pistoletazo de saída á terceira edición do ciclo “Cata a Arte” coa presentación e degustación do seu viño Gran Alanís, da colleita 2015, acompañada da música da pianista e compositora María Mendoza así como de bocados gastronómicos preparados para a especial ocasión.
Durante a súa actuación, a artista María Mendoza presentou o seu disco INTRO, inspirado nas Cantigas de Amigo de Martín Códax, así como temas tradicionais da zona de Ourense, sorprendendo aos asistentes coa mestura de estilos

Bodegas Alter presentou os seus viños Alter branco e tinto e Priorato de Razamonde branco na segunda sesión do ciclo “Cata a Arte” da man de José Pérez Pousa e Blanca Fernández Montero, director xeral e directora comercial respectivamente, acompañados da poesía e música de Lucía Aldao. O evento celebrouse na primeira planta do Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense, rodeada da mostra “Experimenta 10+1”, un proxecto expositivo colectivo no que os artistas xogan co espazo, a cor, o volume, a forma e a percepción do espectador.

Durante a acción, a artista Lucía Aldao, que leva dende os 15 anos exercendo o oficio da poesía ao vivo ou poesía escénica, acompañou a súa voz coa súa guitarra dando forma a un espectáculo onde a palabra foi a auténtica protagonista.

Quinta do Ribeiro, colleiteiro da D.O. Ribeiro dende 2013 presentou onte os seus viños monovarietais Quinta do Rebolo Treixadura, Godello e Mencía na terceira xornada do ciclo “Cata a Arte” da man de Alejandro González e Iván Vázquez Pateiro, socio e enólogo da adega respectivamente, acompañados das artes escénicas de Paula Quintas e Marta Alonso. O evento tivo lugar na planta baixa do Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense, rodeado da exposición fotográfica Arcadia, de Aida Pascual.

Durante a acción cultural, a bailarina, aramista circense e coreógrafa visual, Paula Quintas e a bailarina, creadora e docente multidisciplinar relacionada co teatro físico e o circo, Marta Alonso, fixeron emocionar ás máis de 100 persoas asistentes ao evento co seu vistoso espectáculo en dous tempos, que mesturou as artes da danza, performance e o circo.

Nesta terceira edición do ciclo, incluíuse un elemento novidoso, o de que cada asistente colabore cun donativo solidario dirixido integramente para a ONG Down Ourense, asociación que ten por filosofía o apoio a servizos que potencien a autonomía e independencia das persoas con síndrome de down, dentro dun entorno normalizado. A todas as persoas que apoien esta iniciativa entran nun sorteo de lotes de viño das adegas participantes e merchandising da D.O. Ribeiro.

Viño e arte
O ciclo celebrarase todos os xoves no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, dende o 27 de outubro ata o 1 de decembro con presentacións e degustacións de viños de adegas da D.O. Ribeiro e con accións culturais paralelas.