El presidente del C.R.D.O. Ribeiro pide el diseño de un plan de acción rural

Foi durante a inauguración da 56 Feira do Viño do Ribeiro, coorganizada polo C.R.D.O. Ribeiro e Concello de Ribadavia.

Juan Casares lembrou o Estudio Socioeconómico do Ribeiro, financiado pola Deputación Provincial de Ourense, e anunciou a convocatoria dunha “Mesa polo Ribeiro” para implementar as medidas que deriven do mesmo.

Ribadavia, 3 de maio de 2019.

Esta tarde celebrouse a inauguración da 56ª Feira do Viño do Ribeiro, un evento que se desenvolverá ata o vindeiro domingo e que combina a posta de longo do viño da última colleita da comarca coas actividades musicais, a gastronomía e o enoturismo.

Durante a súa intervención, o presidente do C.R.D.O. Ribeiro, Juan Manuel Casares, fixo fincapé no momento crítico que o mundo rural vive en España e por iso pediu que “debe ser tratado coma unha cuestión de estado a nivel nacional, e como compromiso de país en Galicia”.

Segundo Juan Casares, en Galicia, unha estratexia clara e o compromiso de todos os axentes políticos e sociais son fundamentais para “deseñar un “Plan de acción rural” comprometido, realista, integral e eficiente; unha aposta decidida pola súa conservación deseñada de xeito transversal, é dicir interdepartamental.”.

Para Juan Casares dito plan debe implementar medidas ligadas ás potencialidades de cada zona, “debemos potenciar as actividades que permitan a súa conversión nun espazo de oportunidades económicas sostibles que xeren riqueza local e fixen poboación á terra e iso pasa sempre por coñecer as posibilidades de cada zona.”

De facelo así o resultado será a revitalización do mundo rural, “a riqueza deriva de apoiar en cada lugar aquilo que sabe facer; o emprego xurde cando hai unha boa xestión das potencialidades; a poboación se fixa cando pode vivir dignamente. Se somos quen de revitalizar as economías locais o equilibrio social mellorará e o rural galego recuperará o seu futuro.”

Na súa intervención, o presidente do C.R.D.O. Ribeiro subliñou o papel fundamental que desenvolve o Consello Regulador do Ribeiro, “como eixo vertebrador dunha comarca esencialmente vitivinícola e como factor de cohesión dun territorio histórico.”. Neste sentido, Juan M. Casares reivindicou unha maior sensibilidade co territorio que abrangue a Denominación de Orixe máis antiga de Galicia, “o Ribeiro precisa fotos con texto, é dicir require medidas de apoio claras e contundentes. Algunhas destas medidas derivarán necesariamente do Estudio socioeconómico e Plan estratéxico que se está a elaborar grazas ao apoio claro da Deputación Provincial de Ourense.”.

Neste sentido anunciou que convocará unha “Mesa polo Ribeiro” co gallo de impulsar as medidas que deriven dese estudio, “todos os nosos esforzos teranse que encamiñar a que o Ribeiro sexa, outra vez, o gran viño de Galicia e un escaparate da provincia de Ourense no mundo.”