Más de cien personas brindan por O Ribeiro

Desenvolveuse no recinto da Alameda de Ribadavia ás 13:30 horas, no marco da celebración do Día Movemento Viño D.O. O presidente do Consello Regulador reivindicou a necesidade de potenciar o rural galego e español e salientou o papel das D.O. na xeración de riqueza e fixación da poboación.

Ribadavia, 11 de maio de 2019

O recinto feiral da Alameda de Ribadavia acolleu a celebración do Día Movemento Viño D.O. que organizou o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro no marco dunha campaña promovida pola Confederación Española de Consellos Reguladores Vitivinícolas (CECRV).
Esta cita anual cos viños da Denominación de Orixe máis antiga de Galicia desenvolveuse onte entre as 11:30 e as 14:30 horas. O acto consistiu nun stand con venta de copas e tiques para a degustación de viño Ribeiro a prezos populares. A xornada estivo amenizada por un DJ e se organizaron sorteos de lotes de viño e merchandising entre o público participante.

Esta foi a terceira edición do DÍA MOVEMENTO VIÑO D.O. e a segunda na que participou activamente o Consello Regulador do Ribeiro. Nesta ocasión foron 29 as denominacións de orixe vitivinícolas que se adheriron ao evento que culminou cun brinde colectivo e simultáneo en todo o territorio español.

Este ano, ademais de poñer en valor o viño con denominación de orixe o obxectivo foi salientar o papel das Denominacións de Orixe coma fonte sostible de creación de riqueza e arraigo no medio rural. Con tal motivo, o momento máis importante da xornada chegou ás 13:30 horas no que máis de cen asistentes fixeron un brinde colectivo.

O presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, Juan Casares, aproveitou a xornada para reivindicar a necesidade de potenciar o rural tanto galego coma español e salientou o papel das D.O. na xeración de riqueza e fixación da poboación. “Tanto España como Galicia precisan estratexias claras e contundentes para potenciar o mundo rural e isto só pode acadarse mediante Plans de acción que o revitalicen dende unha óptica realista, eficiente, integral e comprometida de todos os axentes políticos e sociais”.

Para Juan Casares O Ribeiro é un paradigma do que está a acontecer no resto dos territorios tanto español coma galego por iso “Dende o consello Regulador do Ribeiro reaccionamos a tempo e estamos á agarda dos resultados dun estudio avalado científicamente que nos dea unha diagnose do que acontece e nos facilite as claves para actuar e promover as accións necesarias”.

Juan Casares puxo en valor tanto a importancia que a viticultura ten no territorio do Ribeiro, ao constituír o seu verdadeiro motor económico, como o papel do Consello Regulador como axente activo de vertebración e cohesión do territorio; garante dun produto con alto valor engadido, e fonte de xeración de oportunidades socioeconómicas que fixan poboación á terra a través de poñer en valor os recursos históricos, paisaxísticos, patrimoniais e termais do territorio do Ribeiro, “O viño é o noso élan vital, a nosa razón de existir e a nosa forma de vivir, pero hai unha serie de recursos paisaxísticos, históricos, patrimoniais e termais que nos outorgan un valor engadido e nos diferencian, moito máis se cabe, doutros territorios vitivinícolas de Galicia e España. A nosa intención é poñelos en valor”.