Preto de 800 persoas participaron no ciclo ‘Cata a Arte 2016′ en Ourense

A adega Pazo Casanova presentou os seus viños Casanova, Pazo Casanova e Finca Viñoa da man do seu director comercial, David Barco, para un fiel público na cuarta das accións do ciclo “Cata a Arte”. Nesta ocasión, os viños estiveron acompañados pola música jazz dos artistas Virxilio da Silva e Álex Salgueiro. O Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense acolleu novamente este evento, integrándose no espazo da exposición fotográfica Arcadia, de Aida Pascual.

Durante as súas dúas intervencións, os músicos Virxilio da Silva á guitarra e Álex Salgueiro ao órgano hammond ofreceron un intenso concerto abranguendo distintas épocas do jazz. Unas sesións musicais emocionantes que harmonizaron á perfección cos tres viños da adega para os preto de 150 asistentes ao evento.

Bodegas Cunqueiro, adega con preto de 100 anos de historia situada en Castrelo de Miño, presentou os seus viños Cunqueiro, III Milenium e Máis de Cunqueiro na penúltima das xornadas do ciclo “Cata a Arte” da man de César Férnández, director de marketing da adega, acompañado da música de Pablo Seoane e José Manuel Díaz. O evento tivo lugar na planta baixa do Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense, rodeado da exposición conxunta do fotógrafo Rubén Vilanova e do pintor Tonho Ferreiro, “A man verde”, inaugurada o pasado mércores e que tamén se enmarca dentro do Outono Fotográfico.

Durante a acción cultural, o dúo de jazz galego Pablo Seoane e José Manuel Díaz, piano e contrabaixo, interpretaron un repertorio composto por persoais versións de standards así como composicións orixinais. As preto de 100 persoas asistentes ao evento puideron harmonizar de xeito inmellorable as distintas interpretacións do jazz cos tres viños brancos desta adega case centenaria.

Bodegas Nairoa pola súa banda presentou dous dos seus viños brancos Alberte 2015 e Val de Nairoa 2015 da man do seu xerente, Guillermo Díez, para unha abarrotada sala na última sesión do ciclo “Cata a Arte”. Nesta ocasión, os viños estiveron acompañados do afamado dúo musical Blues do País. O evento tivo lugar na planta baixa do Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense, rodeado da exposición conxunta do fotógrafo Rubén Vilanova e do pintor Tonho Ferreiro, “A man verde”.

Durante a súa actuación, Blues do País, dúo integrado por Bieitta James, a grande Diva Rural e Pepe King, o bluesman que a acompaña, amosaron ao público as traducións de clásicos do blues e rhythm’n’blues en galego, con toques persoais de retranca e ritmo. Un espectáculo que mesturou a boa música con teatro, improvisación e harmonías perfectas cos dous viños de Bodegas Nairoa así coma cos petiscos ofrecidos por Marra Gastronomía para os preto de 200 asistentes ao evento.

Nesta terceira edición, incluíuse un elemento novidoso, o de que cada asistente colaborase cun donativo solidario dirixido integramente para a ONG Down Ourense, asociación que ten por filosofía o apoio a servizos que potencien a autonomía e independencia das persoas con síndrome de down, dentro dun entorno normalizado. A todas as persoas que apoiaron esta iniciativa entraron en sorteos de lotes de viño das adegas participantes.

O 13 de decembro entregarase o cheque solidario coas aportacións de todos os asistentes durante as seis xornadas que abrangueu o ciclo. O evento de entrega celebrarase no Centro Cultural Marcos Valcárcel.

Viño e arte
O ciclo baseouse en realizar eventos todos os xoves no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, dende o 27 de outubro con presentacións e degustacións de viños de adegas da D.O. Ribeiro e con accións culturais paralelas.