
Detapaencepa recibirá o Premio Mellor Taberna-Bar de Viños; AVeleira Viños, o de Mellor Vinoteca-Tenda Especializada, e El Capitán, o de Mellor Servizo de Viño en Restaurante
Os televisivos Lucía Rodríguez e Duarte Galbán presentarán a gala o 2 de xullo no Auditorio Mar de Vigo, onde tamén actuará o grupo Eladio y los Seres Queridos
Tamén serán galardoados José Peñín, a sumiller Manuela Romeralo, o viticultor Ramón Senra, AGASU e a Guía Paadín, e se entregarán os premios aos viños gañadores da Cata Oficial
Ourense, 29 de xullo.
Como xa vén sendo tradicional na gala dos Premios D.O. Ribeiro, o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro recoñecerá con estes galardóns aos establecementos de hostalería que máis contribuíron á promoción do Ribeiro, destacando polo seu compromiso coa promoción e difusión do Ribeiro e actuando como auténticos embaixadores dos seus viños.
Uns galardóns que, ademais, pretenden distinguir a excelencia no servizo do viño valorando aspectos como a profesionalidade do seu persoal, o coidado na conservación e presentación das referencias que teñen, e sobre todo, o seu bo facer á hora de ofrecer unha experiencia enolóxica de máxima calidade aos clientes.
Así, este ano o Premio Mellor Taberna-Bar de Viños é para Detapaencepa, mentres que o Premio Mellor Vinoteca–Tenda Especializada é para AVeleira Viños, e o Premio Mellor Servizo de Viño en Restaurante para El Capitán. Os tres establecementos están situados na cidade olívica, localidade na que se entregarán os galardóns o próximo 2 de xullo, ás 19.00 horas, nunha gala no Auditorio Mar de Vigo.
Os tres establecementos súmanse á lista de premiados nesta edición, encabezada por José Peñín, creador da prestixiosa Guía Peñín de Viños, nomeado Persoeiro de Honra; o viticultor Ramón Senra Pereiras, Premio Vida entre Vides; a Asociación de Sumilleres de Galicia (AGASU), Premio Ribeiro en Nós, e a Guía Paadín de Vinos, Destilados y Bodegas de Galicia, elaborada por Luis e Alejandro Paadín, que recibirá o Premio Mellor Tarefa de Comunicación, así como a sumiller Manuela Romeralo, distinguida co Premio Universo Sumiller, que tras pasar por restaurantes do Grupo Quique Dacosta iniciou unha nova etapa máis centrada na formación e docencia especializada en sumillería.
Ademais, entregaranse tamén os galardóns aos viños gañadores da Cata Oficial, que só se coñecerán durante a gala, que este ano estará presentada polos televisivos Duarte Galbán e Lucía Rodríguez, finalizando cun cóctel na terraza do auditorio.
DETAPAENCEPA, Premio Mellor Taberna-Bar de Viños
Situado na rúa Ecuador, en pleno corazón de Vigo, Detapaencepa consolidouse como un dos referentes gastronómicos da cidade. Recomendado pola Guía Repsol 2026, este establecemento combina o ambiente desenfadado dunha vinoteca e bar de tapas coa elegancia dun restaurante de cociña contemporánea galega. A súa proposta xira ao redor do produto de tempada, con especial protagonismo para os peixes e mariscos das lonxas de Vigo, elaborados cunha cociña que respecta a tradición local e incorpora sutís toques creativos, e unha coidada selección de viños na que destacan os do D.O. Ribeiro, que converten cada comida nunha experiencia enolóxica de primeiro nivel.
AVELEIRA VIÑOS, Premio Mellor Vinoteca–Tenda Especializada
Situada no centro histórico de Vigo, na rúa Abeleira Menéndez, AVeleira Viños é unha das vinotecas máis singulares da cidade e punto de encontro de referencia para os amantes do viño. Vinoteca e bar de viños, a súa filosofía vira ao redor do descubrimento de pequenas adegas, viños de produción limitada e referencias seleccionadas con criterio e personalidade, converténdose nun espazo imprescindible para quen desexa explorar a riqueza vitivinícola galega e española. Máis que unha tenda especializada, AVeleira Viños funciona como un lugar de degustación e divulgación enolóxica, onde as catas, presentacións e recomendacións personalizadas forman parte da experiencia. A súa atmosfera acolledora e o seu compromiso coa cultura do viño converteron este lugar nun destino de referencia para afeccionados ao viño, profesionais e visitantes que buscan descubrir novos viños nun ambiente acolledor.
EL CAPITÁN, Premio Mellor Servizo de Viño en Restaurante
Situado na rúa Triunfo, unha das rúas máis emblemáticas do Casco Vello de Vigo, El Capitán é un clásico da gastronomía local que destaca por ser un referente da cociña tradicional galega especializada en peixes, mariscos e arroces. A experiencia culinaria complétase cunha coidada adega na que destacan viños galegos, especialmente referencias da denominación de orixe Ribeiro, xunto cunha selección doutras rexións españolas e viños galegos. O servizo do viño, constitúe de feito, un dos elementos diferenciais do establecemento, no que a atención e o asesoramento na elección de referencias contribúen a crear unha experiencia gastronómica completa.