A D.O. Ribeiro acada dous ouros e sete pratas no concurso VinEspaña 2019

A proba celebrouse en Zaragoza como antesala da feira Enomaq 2019

Ribadavia, 28 de febreiro de 2019

A Denominación de Orixe Ribeiro logrou un total de nove galardóns na segunda edición do Concurso Nacional de vinos VinEspaña 2019, que se celebrou os días 24 e 25 no auditorio da Feira de Zaragoza. Un certame organizado pola Federación Española de Asociacións de Enólogos (FEAE) que deu a coñecer onte os gañadores.

A D.O. Ribeiro foi a máis galardoada de todas as presentadas ao concurso no eido dos viños brancos tranquilos. Juan Manuel Casares, presidente do C.R.D.O. Ribeiro quere resaltar ante estes resultados que “con estes premios reafirmase a nosa posición cara a excelencia en canto á calidade dos nosos viños brancos e o Ribeiro demostra a súa personalidade diferenciada no concerto español dos viños brancos”.

Os viños brancos Ramón do Casar Treixadura (da Adega Ramón do Casar) e Alter (de Priorato de Razamonde) conseguiron sendas medallas de ouro no concurso (menos de 92 puntoa ata 88). Por outra banda, lograron medalla de prata (menos de 88 puntos ata 84) os viños Priorato de Razamonde (de Priorato de Razamonde), Mónica AlborTreixadura-Godello-Loureira” (da colleiteira Mónica Albor), Ramón do Casar e Ramón do Casar Nobre (da Adega Ramón do Casar), Catro Ferrados (do colleiteiro José Varela Aguado), Deseu (de Terrae) e Son de Arrieiro (de Xulia Mar Bande).