Adegas Celme presenta os seus viños por primeira vez en “Cata a Arte”

Ribadavia, 23 de novembro de 2018

Adegas Celme, situada na parroquia de Astariz, en Castrelo de Miño, presentou onte os seus viños, Celme de Pena Bicada e Celme do Souto, un branco e tinto respectivamen, na penúltima das xornadas do ciclo “Cata a Arte” da man de Dori e Jorge, propietarios da adega, acompañados da actuación da Compañía #2 do Teatro Permanente. O evento tivo lugar na planta baixa do Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense, lugar onde está situada a mostra “Hinterland”, unha exposición grandiosa sobre papel bullkraft de Xesús Vázquez.

Durante a acción cultural, Alberte Alonso e Lisa Vitorino a partires da obra de Alfonso de Olivares y Bruguera, relataron unha historia de coincidencias, graos de separación, de ida e volta; unha historia a partir da vida de Alfonso de Olivares y Bruguera, pintor da primeira escola de París e herdeiro das Adegas Murrieta. Un home que abandona a viña para dedicarse á arte en contra dos desexos da súa familia. Un home lúcido, morto prematuramente nun accidente de caza poucos meses antes do inicio da guerra civil. Descubrindo a vida dunha das súas fillas, nunca recoñecida por el, nos trae de volta ata Galicia e a unha tarde de viños e arte.

Nesta quinta edición continúase coas catas solidarias, solicitando que cada asistente colabore cun donativo dirixido integramente para a ONG AFFOU, Asociación de Fibromialxia, Síndrome de Fatiga Crónica e Sensibilidade Química Múltiple de Ourense, que ten como misión atender as necesidades e todo o que soliciten os máis de 95 socios enfermos en Ourense, co obxectivo de mellorar a calidade de vida do propio enfermo e a súa familia. Todas as persoas que apoian esta iniciativa entran nun sorteo de botellas de viño das adegas participantes e merchandising da D.O. Ribeiro.

Viño e arte

O ciclo celebrará a súa última sesión no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense o vindeiro xoves, 29 de novembro, coa presentación e degustación dos viños de Bodega Alanís en harmonía coa pura esencia do rock espontáneo de L’Appetite Mort (versión ligth).