Arnoia acolleu un taller práctico sobre descriptores do viño do Ribeiro

O seu obxectivo foi dar a coñecer os procesos de adestramento do olfacto e o gusto a través do recoñecemento dos descriptores básicos dos viños do Ribeiro.

O evento encádrase no programa de colaboración do Consello Regulador coa Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia para mellorar a profesionalización do sector.

Arnoia, 22 de marzo de 2019.

O Hotel Balneario Arnoia Caldaria acolleu hoxe un taller práctico sobre as características dos viños amparados polo Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, baixo o título Aromas do Ribeiro.

Esta acción, desenvolvida pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), centro dependente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), encádrase no marco do “Plan de Transferencia para o apoio ás actividades de demostración e información ao Agro Galego 2019”. Na mesma colaboraron ademais o Concello de Arnoia e Fundación Juana de Vega.

Neste taller práctico os asistentes puideron coñecer os procesos de adestramento do olfacto e o gusto a través do recoñecemento de descriptores básicos dos viños do Ribeiro, tanto brancos coma tintos. Coñeceron as moléculas responsables dos principais atributos así como a orixe e mecanismos da súa aparición; aprenderon a detectar o limiar de percepción de cada atributo e a coñecer como se manifestan en positivo estes atributos nos viños correctos.

Na presentación da actividade a directora técnica do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, Nuria Álvarez, estableceu o marco xeral e as características tanto físico químicas coma organolépticas dos viños amparados por este Consello Regulador segundo o establecido no prego de condicións en vigor hoxe en día.

Pola súa parte o presidente do Consello Regulador, Juan M. Casares, agradeceu ao alcalde de Arnoia “as facilidades e colaboración para desenvolver este tipo de actividades que cualifica como esenciais para manter unha boa profesionalización do sector”.

Este taller, ao que asistiron 34 alumnos foi impartido por José Daniel Fornos Rivas e por Juan Carlos Vázquez Abal, ambos os dous técnicos da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega).