O Consello Regulador analiza as oportunidades do Ribeiro nos mercados nacional e internacional

Será o sábado no Mosteiro de San Clodio, a partir das 10:20 da mañá, e de entrada libre.

Manuel Juliá, director de Fenavin, e Manuel Villanueva, director xeral de contidos de Mediaset, falarán sobre as oportunidades para o Ribeiro nos mercados nacionais e internacionais.

Segundo Juan Casares, presidente do Consello Regulador, esta acción pretende revalorizar o Ribeiro como enocomarca a través de expertos en distintos campos.

Ribadavia, 5 de marzo de 2020

O vindeiro sábado día 7 de marzo o Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Ribeiro organiza unha conferencia-debate co título “Oportunidades nos mercados nacionais e internacionais para os viños da D.O. Ribeiro”. Esta acción celebrarase no Mosteiro de San Clodio de Leiro a partir das 10:20 da mañá e enmárcase na programación de actividades formativas e divulgativas, que baixo o lema “Onde o mundo se chama Ribeiro”, vai desenvolver o Consello Regulador durante o ano 2020. A entrada será libre e de balde.

Nesta acción analizarase, a través das miradas complementarias de Manuel Juliá Dorado e Manuel Villanueva de Castro, a realidade actual do mercado do viño, tanto a nivel nacional como internacional, así como o reto dos viños do Ribeiro para gañar presenza neles.

Manuel Juliá Dorado, director da Feira Nacional do Viño (Fenavin), centrará a súa intervención na análise das tendencias do mercado, desde unha visión xeral dos viños españois e en particular do Ribeiro. Fará fincapé na necesidade de aumentar a presenza nos mercados internacionais e nas características que deben ter os viños para acceder aos mesmos; unha presenza que é preciso aumentar dados os reducidos volumes de exportación no caso dos viños de Galicia en xeral e do Ribeiro en particular. A partir da súa experiencia na dirección de Fenavin, a primeira feira de viño español do mundo especializada na exportación, Manuel Juliá tamén nos achegará á forma de aproveitar de maneira satisfactoria os instrumentos de negocio que dita feira ofrece.

Manuel Villanueva de Castro, director Xeral de Contidos de Mediaset e embaixador do Viño de Fenavin, abordará, desde a óptica do coñecedor do mercado do viño e do consumidor, todos os retos que ten o Ribeiro para catapultar a súa marca, non soamente a partir dos seus viños, senón poñendo en valor a súa historia, o territorio, a paisaxe, a gastronomía e os seus recursos termais.

Obxectivos da xornada

A partir do salto cualitativo que deron os viños do Ribeiro, e os novos espazos que foron gañando en prestixio e difusión, chegou o momento de dar o salto sobre a curva da experiencia aproveitando o gran potencial dos seus viños brancos e tintos, que gardan a historia á vez que aparecen como un novo escintileo de orixinalidade que supón todo un achado para o consumidor. Tal é o caso dos seus viños tostados que completan a cobertura de sobremesa.

A xornada está pensada para construír relacións de valor para a D.O. e achegar a realidade e as potencialidades da zona do Ribeiro a líderes de opinión do mercado nacional do viño, poñendo en valor o seu territorio, a súa autenticidade e a súa singularidade.

Segundo Juan M. Casares, presidente do C.R.D.O. Ribeiro, “queremos revalorizar o Ribeiro como enocomarca histórica vitivinícola, proxectando o seu territorio, o seu saber facer, a súa imaxe e a dos seus viños, en líderes de opinión e gañalos para a causa do Ribeiro de forma que poidan actuar como os nosos embaixadores no mercado.”

Afirma Juan Casares que, “dentro das accións para desenvolver no marco do Plan Estratéxico do Ribeiro queremos convidar a todas aquelas persoas cuxa experiencia e coñecemento permítannos enriquecer o proceso de implantación do devandito Plan mediante xornadas de traballo con elas”.