O Consello Regulador desenvolverá unha campaña de potenciación da marca Ribeiro a nivel nacional

Así o anunciou esta mañá Juan Casares, presidente do Consello Regulador, no marco dunha conferencia sobre “Oportunidades nos mercados nacionais e internacionais para os viños da D.O. Ribeiro”.

A campaña desenvolverase este ano en todas as redes sociais e será o inicio dunha estratexia de orientación das políticas de promoción cara a realidade do mercado para potenciar e revalorizar a marca Ribeiro.

Ribadavia, 7 de marzo de 2020.

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Ribeiro desenvolverá durante o ano 2020 unha campaña de promoción a nivel nacional coa finalidade de potenciar e revalorizar o que considera segue a ser o seu gran valor: a marca Ribeiro. Trátase dunha acción que se desenvolverá en todas as redes sociais aproveitando as oportunidades que estas brindan de achegamento ao consumidor final.

Así o anunciou esta mañá Juan M. Casares, presidente do CRDO Ribeiro, durante a celebración dunha conferencia e coloquio co título “Oportunidades nos mercados nacionais e internacionais para os viños da D.O. Ribeiro” que contou coa participación de Manuel Juliá Dorado, Director da Feira Nacional do Viño (Fenavin) e Manuel Villanueva de Castro, Director Xeral de Contidos de Mediaset e Embaixador do Viño de Fenavin.

A dita conferencia desenvolveuse no Mosteiro de San Clodio de Leiro e encadrouse na programación de actividades formativas e divulgativas, que baixo o lema “Onde o mundo se chama Ribeiro”, vai desenvolver o Consello Regulador durante todo o ano 2020.

Con esta acción, di Juan Casares, “substanciamos unha das grandes recomendacións do Estudio socioeconómico e estratéxico do CRDO Ribeiro, presentado publicamente o pasado 8 de febreiro na Arnoia, e que nos instaba a reorientar as políticas de promoción tendo en conta as realidades dun mercado cada día máis global.”

Segundo Juan M. Casares, “con este tipo de acción queremos, ademais, revalorizar o Ribeiro como enocomarca histórica vitivinícola, proxectando o seu territorio, o seu saber facer, a súa imaxe ao tempo que salientamos a calidade dos seus viños.”.

A conferencia

A xornada “Oportunidades nos mercados nacionais e internacionais para os viños da D.O. Ribeiro” analizou a realidade actual do mercado do viño, tanto a nivel nacional como internacional, así como as posibilidades do Ribeiro para gañar presenza neles, poñendo en valor o seu territorio, a súa autenticidade e a súa singularidade.

Manuel Villanueva de Castro, Director Xeral de Contidos de Mediaset e Embaixador do Viño de Fenavin, fixo un repaso do Ribeiro na historia, na literatura, “El Ribeiro es hijo de la historia. Dudo que haya un vino más escrito. Es hijo también de una tierra y de un paisaje, y un buen ejemplo de la superación de las adversidades. Es un transportista de la felicidad”. Así mesmo recomendou aproveitar os momentos que están a vivir os viños desta Denominación de Orixe histórica, “Hay una gran oportunidad de reforzar la marca Ribeiro. Esto no va sólo de hacer vino sino de vender vino.”

Pola súa parte Manuel Juliá Dorado, Director da Feira Nacional do Viño (Fenavin), presentou a feira que dirixe como, “una plataforma de oportunidades para acercar a las bodegas y sus vinos a la realidad del mercado poniendo en contacto a la oferta con la demanda, proyectándose sobre todo en el campo de la internacionalización.”.

Fenavin celébrase cada dous anos en Cuidad Real e constitúe a terceira feira máis importante de Europa, despois das organizadas en Londres e Frankfurt. Segundo o seu director, no ano 2019 acubillou a máis de 1.900 adegas de toda España organizando 7.300 reunións entre vendedores e importadores.

Manuel Juliá salientou a importancia da internacionalización nun mercado cada día máis global, “Exportar nos hace más fuertes y nos libera de las vicisitudes de los mercados regionales y nacionales.. Es importante que cada entidad busque aquellos los mercados en los que tenga posibilidades de triunfar; deben ser mercados con alto poder adquisitivo como Suíza o Noruega; mercados con predisposición a los productos españoles y aquellos donde existan acuerdos políticos favorables. En el caso del Ribeiro ademas buscaría aquellos países con mucha emigración gallega.”

Rematou a súa intervención advertindo das oportunidades para o Ribeiro, “Para conquistar los mercados la unión hace la fuerza ya que permite disminuir costes y dar imaxen de fortaleza de la marca. Es un gran momento para el vino blanco y en esta situación los vinos gallegos en general, y el Ribeiro en particular, tienen una gran oportunidad.”