O Consello Regulador do Ribeiro deseña unha estratexia para potenciar a comercialización on line

Será unha ferramenta que permitirá ás empresas potenciar ou iniciarse na canle de vendas na internet e redes sociais.

Este acción, deriva do Estudio socioeconómico e Estratéxico do Ribeiro presentado o pasado 8 de febreiro na Arnoia e financiado pola Deputación Provincial de Ourense.

Ribadavia, 28 de abril de 2020.

As adegas inscritas no Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Ribeiro contarán nos vindeiros días con ferramentas que lles permitan potenciar a comercialización on line dos seus produtos. Así o anunciou Juan M. Casares, presidente do CRDO Ribeiro, “poñeremos en marcha un “Plan de acción do CRDO Ribeiro nos medios dixitais” con orzamentos propios e que se dirixe ben a promocionar e potenciar as vendas, nuns casos, ou ben a axudar ás adegas a inicialas, noutros. Este Plan complementará unha gran acción de promoción nas redes sociais e cuxo lanzamento estímase que se producirá cara finais do mes de maio ou inicio de xuño.”

Esta acción deriva realmente das conclusións tiradas do “Estudio socioeconómico e Estratéxico do CRDO Ribeiro”, presentado na Arnoia o pasado 8 de febreiro e financiado pola Deputación Provincial de Ourense. Nese documento se establecía coma unha das debilidades da Denominación de Orixe Ribeiro, no que atinxe á orientación cara o mercado, a febleza no uso das canles de comercialización on line das adegas e mesmo da Ruta do Viño do Ribeiro. Definía, di Juan Casares, “unha escasa presenza da oferta do Ribeiro nas canles de comercialización que empregan os clientes, isto é buscadores online, redes sociais, tendas virtuais propias”.

A primeira das actuacións previstas consiste no “Deseño, execución e desenvolvemento dunha Landing-page” que sirva como “paxina de aterraxe” na páxina web do Consello Regulador e máis como “páxina de destino” orientada a promocionar os espazos de venda electrónica dos viños do Ribeiro. Nesta páxina, que entrou en funcionamento hoxe mesmo, inclúense en primeiro lugar os enlaces directos a todos os espazos da internet propios das adegas do Ribeiro onde o consumidor pode comprar directamente os seus viños, é dicir as súas tendas propias. O contido desta Landing-page irá actualizándose constantemente a medida que as adegas que aínda non teñan espazos propios de venta on line os vaian abrindo.

TIENDAS ONLINE RIBEIRO

En segundo lugar haberá un apartado que dirixa aos potenciais clientes ao directorio de adegas da páxina web do Consello Regulador co gallo de que poidan contactar con aquelas empresas que non vendan na rede.

Finalmente a Landing Page será publicitada a través de todos os medios dos que dispón o CRDO Ribeiro tanto na internet como nas redes (Facebook, Instagram e Twitter) como forma de apoio a esta acción.

Segundo o presidente do CRDO Ribeiro, “esta é a primeira acción que poñemos ao dispor das adegas do Ribeiro, estruturada en varias medidas concretas que nos permiten darlle unha dimensión compacta e completa. O seu obxectivo principal é promocionar entre as nosas adegas a canle de venda on line e subsanar a fenda dixital no ámbito do CRDO Ribeiro”. Tamén aproveitou para apuntar que “dende a equipa do CRDO Ribeiro seguimos a traballar nesta estratexia, deseñando e negociando novas accións dirixidas a potenciar as vendas on line dos viños do Ribeiro e agardo que nuns días podamos dar novas positivas a este respecto.”