O Ribeiro reivindicará o seu territorio cun brinde colectivo

Desenvolverase no recinto da Alameda de Ribadavia o vindeiro sábado 11 de maio, ás 13:30 horas, no marco da celebración do Día Movemento Viño D.O.

O Consello Regulador salienta o seu papel como axente vertebrador e de cohesión do territorio e xerador de emprego e riqueza.

Ribadavia, 9 de maio de 2019

O recinto feiral da Alameda de Ribadavia acollerá a celebración do Día Movemento Viño D.O. que organiza o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro e promove a Confederación Española de Consellos Reguladores Vitivinícolas (CECRV).

Esta cita anual cos viños da Denominación de Orixe máis antiga de Galicia desenvolverase o vindeiro sábado 11 de maio en horario aproximado de 11:30 a 14:30 horas. O acto consistirá nun stand con venta de copas e tiques para a degustación de viño Ribeiro a prezos populares para que os participantes poidan facer un brinde colectivo ás 13.30 horas. A xornada estará amenizado por un DJ e se organizarán sorteos de lotes de viño e merchandising entre o público participante.

Esta é a terceira edición do DÍA MOVEMENTO VIÑO D.O. e a segunda na que participa activamente o Consello Regulador do Ribeiro. Nesta ocasión serán 29 as denominacións de orixe vitivinícolas que se adhiren ao evento que culmina cun brinde colectivo e simultáneo en todo o territorio español.

Este ano, ademais de poñer en valor o viño con denominación de orixe o obxectivo é salientar o papel das Denominacións de Orixe coma fonte sostible de creación de riqueza e arraigo no medio rural.

Dende o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro convidan a todos os habitantes da comarca a participar nesta acción que servirá tamén para reivindicar un territorio rural histórico con grandes potencialidades e recursos como é o Ribeiro.

Dende a organización queren poñer en valor tanto a importancia que a viticultura ten no territorio do Ribeiro, ao constituír o seu verdadeiro motor económico, como o papel do Consello Regulador como axente activo de vertebración e cohesión do territorio; garante dun produto con alto valor engadido, e fonte de xeración de oportunidades socioeconómicas que fixan poboación á terra a través de poñer en valor os recursos históricos, paisaxísticos, patrimoniais e termais do territorio do Ribeiro.