Os viños de Bodegas Casal de Armán harmonizan con éxito no “CatArte”

Ribadavia, 20 de novembro de 2026.

Onte, na terceira sesión do ciclo “CatArte” en Ourense, a adega Casal de Armán presentou unha cata de tres dos seus viños máis representativos: o branco multivarietal Casal de Armán e dous monovarietais de Treixadura con crianza, Pepe Carrasca e Armán Finca Misenhora. Cada viño harmonizou á perfección cunha delicia culinaria creada especialmente para a ocasión.

O sumiller da adega, Pedro Botana, dirixiu a ampla e animada cata, acompañada por música en directo do dúo acústico ourensán Soul & Roll. O evento, que contou con aforo completo, incluíu unha cata con explicacións detalladas dos tres viños, acompañadas de petiscos gastronómicos preparados por Jorge González, do restaurante Sábrego (Ribadavia), e seleccións musicais perfectamente escollidas polo dúo, formado por Tamara e Miguel. Novamente celebrouse na planta baixa do Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense, onde se exhibe a exposición “Cruzando o mar infranqueable” de Tony Lane. Esta exposición presenta unha serie de diálogos sen palabras, froito das súas profundas conversas co entorno cultural, a metafísica da paisaxe, a historia da arte, así como as propias reflexións do artista e as dos espectadores.

Esta duodécima edición do evento continúa co seu carácter benéfico, e todos os beneficios da venda de entradas e doazóns van integramente á Fundación Diego González Rivas, cuxa misión é achegar a cirurxía torácica mínimamente invasiva aos pacientes que teñen máis dificultades para acceder a ela. Tamén participaron no evento o xerente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, Luis Vázquez, e o director do Centro Cultural Marcos Valcárcel, Marcos Vázquez.

Viño e Arte

O ciclo ten lugar durante catro xoves no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, do 5 ao 26 de novembro, e inclúe presentacións e catas de viños de adegas da Denominación de Orixe Ribeiro, así como actuacións musicais. O aforo está limitado a 100 persoas por día e as entradas, cun prezo de 9 € por persoa, están dispoñibles a través da plataforma en liña “Entradium”.

A sesión final desta duodécima edición terá lugar o xoves 26 de novembro, con Bodega Alanís que ofrecerá unha cata de viños acompañada dun divertido xogo musical, co DJ Álvaro Alonso e tapas gastronómicas.