SOUSÓN

É unha das variedades tintas autóctonas en auxe no Ribeiro, sendo actualmente a primeira en produción, cun gran potencial polifenólico. Non a adoitamos atopar como monovarietal pero sí como base en distintas proporcións para o desenvolvemento de interesantes, distintos e peculiares viños.

Agronómicamente é unha planta con pouco vigor, resistente á seca adaptándose ben a terreos soltos, ten unha fertilidade media e pouca produtividade (8 - 11 Tn/Ha). A súa época de brotación é media tardía e o seu ciclo de maduración é longo polo que a súa localización predomina en zonas propicias para a maduración temperá. Ten sensibilidade alta ao Oídio, media ao Mildiu e baixa á Botrytis.

Máis información

É necesario que alcancen maduracións máis ou menos intensas segundo o tipo de viño a desenvolver e evitar sensacións herbáceas nas maceracións longas que permite a variedade.

Os seus viños poden alcanzar altas gradacións alcohólicas entre 12.5-14 %vol, conservando unha excelente acidez total 6 - 8 g/l expresada en ácido tartárico, pero a súa característica máis representativa é o seu alto contido polifenólico que proporciona unha excelente estrutura e intensa coloración.

Desde o punto de vista aromático destacan a presenza de froitos negros como a moura e o casis e florais, de intensidade moderada.

Os seus viños teñen unha moi boa evolución no tempo e presentan excelente aptitude para a crianza en madeira; a maioría son plurivarietais con diferentes porcentaxes doutras variedades autóctonas, que lle achegan fundamentalmente complexidade aromática.