TORRONTÉS

É a segunda variedade branca autóctona máis utilizada no Ribeiro, é propia da zona; é unha variedade bastante completa que achega certas peculiaridades organolépticas. Adoita utilizarse para dar complexidade ás distintas mesturas sendo raros os monovarietais. A brotación desta cepa é precoz polo que resultan sensible ás xeadas primaverais que afectan á zona algúns anos e o seu ciclo de maduración é curto. É bastante produtiva entre 14 e 15 Tn/Ha e presenta moderado desenvolvemento vexetativo polo que pode sufrir mirrado ou vecería, sendo a súa zona de plantación máis adecuada as terras lixeiras de ladeira con certa humidade. É moderadamente sensible ao mildiu e ao oidio, e é bastante sensible á Botrytis cinerea e ao corremento.

Máis información

Os viños que produce son moi aromáticos e peculiares, con cheiros predominantes frutais e florais poden alcanzar con facilidade 12 – 13 % vol. De contido alcohólico, cunha conservación da acidez total moderada que rolda os 4 - 5 gramos por litro expresado en ácido tartárico. En boca son algo lixeiros e deixan un elegante e tenue recordo amargo.