A D.O. Ribeiro lánzase á conquista do mercado irlandés

Os visitantes puideron catar un total de 38 referencias entre viños brancos e tintos nunha completa xornada celebrada na capital do país, Dublín

O Consello Regulador da D.O. Ribeiro xunto cunha delegación das súas adegas regresa de presentar o seus viños ao público profesional e prensa especializada de Dublín, Irlanda, nun showroom propio celebrado o pasado martes, 17 de outubro, na sala Trinity do céntrico hotel Riu Plaza The Gresham Dublin.

Un encontro onde os viños e os seus creadores foron os protagonistas, e onde o éxito radicou na diferenciación e na autenticidade dos viños que hoxe en día se elaboran nesta Denominación de Orixe. Alanís, Campante, Casal de Armán, Cunqueiro, Cuñas Davia, Eduardo Peña, Finca Viñoa, Pablo Vidal, Pateiro, Pazo do Mar, Val de Souto e Viña Costeira son as adegas que lograron cos seus viños que Dublín se convertera por una xornada na capital do viño Ribeiro.

O evento iniciouse pola mañá cunha clase maxistral guiada por John Wilson, recoñecido crítico de viños do diario The Irish Times, na que los asistentes puideron descubrir a Denominación de Orixe máis antiga de Galicia a través dos seus viños brancos en diferentes estilos e elaboracións. O poñente conduciunos por unha cata de tres viños monovarietais, de Treixadura, Godello e Loureira; seguida de outros catro elaborados con coupage de variedades autóctonas da zona, finalizando a cata con tres elaboracións especiais que incluíron viños de colleitas anteriores con paso por barrica; fudre e con crianza sobre as súas lías finas.

A singularidade do solo, a fidelidade a unha paisaxe, a tradición por manter aquelas prácticas dos antepasados engadindo a innovación e la paixón persoal, son as características que unen ás adegas que participaron neste showroom, coordinado pola Unión Española de Catadores en terras irlandesas.

Dende a organización do evento, Juan M. Casares Gándara, presidente do C.R.D.O. Ribeiro, asegura que “con esta potente iniciativa ofrecemos a adegas pequenas, medianas e grandes acceso a un novo mercado e que así poidan reforzar os seus canles de venda a nivel internacional” e explica que “puidemos celebrar esta minifeira en Dublín grazas ao apoio da Deputación de Ourense, representada nesta cita polo seu vicepresidente e alcalde de Ribadavia, César Fernández Gil”.

Sobre a Denominación de Orixe Ribeiro

A Denominación de Orixe Ribeiro é a máis antiga de Galicia, oficialmente protexida no ano 1932, e unha das 19 máis antigas de España. Actualmente confórmana 98 adegas situadas nos vales formados polos ríos Miño, Avia e Arnoia, no noroeste da provincia de Ourense. A D.O. Ribeiro ten unha extensión de 1.300 hectáreas de viñedo repartidos en 14 municipios. Un territorio de gran diversidade vitivinícola onde traballan uns 1.600 viticultores. A D.O. Ribeiro produce viños brancos e tintos xenuínos con variedades autóctonas locais como Treixadura, Loureira, Godello, Albariño, Sousón, Caíño Longo, Mencía, Brancellao… Así coma o Tostado do Ribeiro, un viño naturalmente doce de larga tradición na zona que data do século XIX. A produción da colleita 2023 na Denominación de Orixe foi de algo máis de 11,5 millóns de quilos de uva. O 93% da produción total é viño branco e 7% viño tinto.