Sarah Jane Evans, Joan Gómez Pallarés, Mónica Fernández y Arsenio Paz, Premios 2017 da Denominación de Orixe Ribeiro

 

A Master of Wine Sarah Jane Evans, “Premio de Honra”; Joan Gómez Pallarés, “Premio á Mellor Tarefa en Comunicación”; Mónica Fernández, “Muller e Viño”; e Arsenio Paz, “Premio Vida entre Vides”

A sexta edición dos Premios da Denominación de Orixe Ribeiro celebrarase o 20 de xuño, no Mosteiro de San Clodio (Leiro, Ourense)

 

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro deu a coñecer os gañadores dos seus Premios 2017, nas súas categorías honoríficas, nun evento celebrado en Santiago de Compostela.

A Master of Wine xornalista e escritora británica Sarah Jane Evans é o novo “Premio de Honra”; o xornalista catalán Joan Gómez Pallarés, o “Premio á Mellor Tarefa en Comunicación”; a sumiller galega radicada en Madrid Mónica Fernández acada o “Muller e Viño”; e Arsenio Paz, responsable da adega Vilerma, recibe o “Premio Vida entre Vides”.

A proclamación tivo lugar no Arco de Mazarelos, a porta da antiga muralla da cidade por onde entraban nela desde a Idade Media os viños do Ribeiro e no Restaurante Porta do Viño, chamado así por esta tradición.

No evento tomaron parte o presidente do CRDO Ribeiro, Felicísimo Pereira e a xerente do Consello, Cristina Alcalá.

A sexta edición dos Premios da Denominación de Orixe Ribeiro celebrarase o martes 20 de xuño, no Mosteiro de San Clodio (Leiro, Ourense).

Ademais dos indicados, na Gala hanse coñecer os gañadores do resto de categorías: Premio “Mellor servizo de viño en restaurante”; Premio “Mellor tenda especializada – viñoteca”; Premio “Mellor taberna – bar de viños”; Premio “Mellor viño branco adega”; Premio “Mellor viño branco colleiteiro” e Premio “Mellor viño tinto”.
Perfís dos gañadores

Sarah Jane Evans, Master of Wine, é unha escritora de viños galardoada, especialista en viños e gastronomía de España. Durante a súa andaina, foi xornalista, editora de revista, escritora de libros e traballou en televisión e radio. É co presidenta dos Decanter World Wine Awards, o concurso de viños máis grande no mundo.

Evans sucede como Premio de Honra ao xornalista Cristino Álvarez, gañador en 2016; en 2015, foi recollido polos restaurantes e cociñeiros galegos con Estrela Michelin e na edición 2014 recoñeceu ao catador Josep Roca (El Celler de Can Roca).

Joan Gómez Pallarés é o responsable del blog De vinis, en activo dende xuño de 2006 con case 1.300 artigos publicados, ademais de colaborador de El País Semanal. Na súa longa traxectoria estivo implicado en numerosas iniciativas, como a Bullipedia, e puxo a súa sinatura en medios de comunicación como Cutpages ou El Periódico de Catalunya.

No 2016 o Premio “Mellor Tarefa de Comunicación” foi para Salvador Manjón, director de La Semana Vitivinícola.

Mónica Fernández, nada en Quiroga (Lugo), é a directora de sala e sumiller dos restaurantes do Grupo Bambú. Entre as funcións do seu posto está a formación e supervisión dos equipos de sala de todos os locais, así como o deseño das cartas de viños. Recibiu o Prix au Sommelier (Premio ao Catador) outorgado pola Academia Internacional de Gastronomía en 2017 e o Premio Nacional de Gastronomía 2015 á mellor directora de sala.

Mayte Santa Cecilia, directora de márketing e de compras das tendas Bodega Santa Cecilia, recolleu o Premio “Muller e Viño” en 2016.

Arsenio Paz, novo Premio “Vida entre Vides”, adquiriu xunto a Chon Labrador o lugar da Vilerma en 1977 e, daquela, quixo comezar a facer viño para os seus amigos. Apostou por recuperar as variedades tradicionais e, aos poucos e sen pretendelo, lanzouse á explotación profesional do viñedo e contribuíu á revalorización e modernización dos viños do Ribeiro. Así, no 1987 saíron ao mercado as botellas de Vilerma, branco e tinto.

No 2016, o Premio “Vida entre Vides” homenaxeou a Avelino Lorenzo.
Sobre a Denominación de Orixe Ribeiro

A Denominación de Orixe Ribeiro é a máis antiga de Galicia, oficialmente protexida no ano 1932, e unha das máis antigas de España. Actualmente está conformada por 107 adegas situadas nos vales formados polos ríos Miño, Avia e Arnoia, no noroeste da provincia de Ourense.

A D.O. Ribeiro ten unha extensión de 2.646 hectáreas de vide situadas nos concellos de Arnoia, Beade, Boborás, Carballeda de Avia, Carballiño, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Ourense, Punxín, Ribadavia, San Amaro e Toén. Un territorio de grande diversidade vitivinícola onde traballan uns 5.800 viticultores. A D.O. Ribeiro produce viños brancos e tintos xenuínos con variedades autóctonas locais: Treixadura, Loureira, Sousón, Brancellao… Así como o Tostado do Ribeiro, un viño naturalmente doce de longa tradición na zona que data do século XIX.

No histórico Mosteiro de San Clodio, berce da viticultura galega e das súas variedades autóctonas, reuniranse profesionais chegados de toda España: adegas, colleiteiros, distribuidores, almacenistas, medios de comunicación, divulgadores, prescriptores…