
–A presentación da 62 edición da celebración de interese turístico internacional tivo o Museo do Viño de Galicia (Ribadavia) como escenario e reuniu a autoridades, adegueiros e pulpeiros
–Seis adegas participarán na I Mostra de Viños D.O. Ribeiro os vindeiros 3 e 4 de agosto
O Carballiño, 30 de xullo de 2024
O pulpo do Carballiño sempre estivo vencellado ao viño do Ribeiro e nunca faltou nas mesas do xantar popular que se celebra o segundo domingo de cada mes de agosto. Por iso, e tal e como explicou o concelleiro de Turismo, Manuel Dacal, no acto de presentación que tivo o Museo do Viño de Galicia como escenario singular emprazado en Santo André de Camporredondo, “é de xustiza dedicarlle á Denominación de Orixe Ribeiro esta 62 edición, a terceira que conta coa declaración de Festa de Interese Turístico Internacional”.

O edil quixo estender a homenaxe “aos seus protagonistas, os pulpeiros, viticultores e adegueiros que souberon perpetuar unhas antigas tradicións e convertelas en símbolos de excelencia gastronómica na Galicia do século XXI”. No acto tamén interviron o alcalde en funcións do Carballiño, Pepe Castro; o alcalde de Ribadavia e vicepresidente da Deputación de Ourense, César Fernández e a presidenta do Consello Regulador da D. O. Ribeiro, Concha Iglesias.
Castro explicou que é fundamental seguir potenciando estes produtos e manifestou o “gran orgullo que supón a unión entre O Carballiño e O Ribeiro” e manifestou a intención de seguir loitando para que a festa, que conta dende o 2022 coa declaración de interese turístico internacional, siga medrando.
Concha Iglesias agradeceu ao Concello do Carballiño que tivera en conta ao viño do Ribeiro, porque “co pulpo non hai mellor maridaxe” e engadiu que esta festa é un lanzamento ao exterior, “unha forma de patrocinarnos de xeito internacional”.

O rexedor de Ribadavia e vicepresidente da Deputación subliñou a importancia de “institucionalizar a relación ancestral entre o pulpo do Carballiño e o viño do Ribeiro e que estas dúas comarcas vaian da man polos recursos que temos en común, que nos converten en destino único”.
No acto de presentación tamén se puxo en valor a simboloxía do cartel da Festa do Pulpo deste ano, no que a artista carballiñesa Ari Quintas mestura un acio de uvas nunha tapa de talladas de pulpo, como unha representación da simbiose que existe entre ambos produtos. Os asistentes á presentación tiveron ocasión de probar o exquisito pulpo de Carballiño nos exteriores do Museo do Viño de Galicia, xa que ata o lugar se desprazou unha pulpeira.
Seis adegas participarán na Mostra de Viños D.O. Ribeiro
A programación desta edición da Festa do Pulpo ten moi presente ás adegas e por iso se organizou a Mostra de Viños que terá como escenario a Praza Maior do Carballiño os días 3 e 4 de agosto en horario de 12.00 a 15.00 e de 19.00 a 23.00 horas. Contarase coa participación de seis adegas: Adega Viña Carpazal, Arco da Vella-Adega do Eladio, Casal de Armán, Eduardo Bravo, Oryctes e Pazo Tizón.