Pazo de Casanova combina os seus viños coa danzas das bailarinas Nuria Sotelo e Cris Vilariño

 
Bodega y Viñedos Pazo de Casanova, situada en Santa Cruz de Arrabaldo, Ourense, presentou onte os seus viños brancos Casanova, Pazo Casanova e Finca Viñoa, todos da colleita 2016, na penúltima das xornadas do ciclo “Cata a Arte” da man de David Barco, delegado comercial da adega, acompañado da danza contemporánea das bailarinas Nuria Sotelo e Cris Vilariño. O evento tivo lugar no primeiro andar do Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense, rodeado da exposición de fotografía “A volta a Cartelle. Fotografías 1967” de Carlos Velo.

Durante a acción cultural, as bailarinas Nuria Sotelo e Cris Vilariño realizaron unha orixinal e sorprendente exhibición de danza contemporánea. Coa súa actuación plástica á par que delicada abraiaron ao público que degustou os tres viños de variedades autóctonas da adega protagonista.

Nesta cuarta edición, continúase coas catas solidarias, solicitando que cada asistente colabore cun donativo dirixido integramente para a ONG Autismo Ourense, asociación que ten como misión promover a calidade de vida das personas con Trastornos do Espectro do Autismo (TEA) e das súas familias ao longo do seu ciclo vital, facilitando e potenciando o seu desenvolvemento integral, mediante a posta en práctica de programas individualizados e específicos que cubran as características, necesidades e intereses de cada un dos seus usuarios. Todas as persoas que apoian esta iniciativa entran nun sorteo de lotes de viño das adegas participantes.

Viño e arte

O ciclo celebrará a súa última sesión no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense o vindeiro xoves, 30 de novembro, coa presentación e degustación dos viños de Bodega Alanís en harmonía co teatro musical de Lili Berlín.