81 adegas da D.O. Ribeiro reciben os certificados de producto conforme á norma UNE-EN-ISO/IEC 17065

O C.R.D.O. Ribeiro entregou en Arnoia os certificados de produto a 81 das súas adegas, de conformidade coa normativa UNE-EN-ISO/IEC 17065, unha acreditación internacional lograda polo Consello Regulador, cumprindo así as esixencias derivadas da OCM do viño para todas as indicacións de calidade europeas.

Arnoia, 20 de febreiro de 2020.

A D.O. Ribeiro logrou a “acreditación para a certificación de produtos do sector agroalimentario” a finais do pasado ano e actualmente hai un total de 81 adegas certificadas, é dicir, que superaron un proceso de avaliación rigoroso, conforme ao manual de calidade e prego de condicións do C.R.D.O. Ribeiro.

 

Este histórico acto tivo lugar esta mañá na antiga Cooperativa do Pemento de Arnoia e contou coa presenza do alcalde do Concello de Arnoia, Rodrigo Aparicio, o director da Axencia Galega da Calidade Agroalimentaria (AGACAL), Manuel Rodríguez, a xefa do departamento agroalimentario da Entidad Nacional de Acreditación (ENAC), Elisa Gredilla e o presidente do C.R.D.O. Ribeiro, Juan M. Casares. Este último, sinala que con este acto “culminamos un proceso iniciado hai uns anos co desenvolvemento e implantación do manual de calidade e prego de condicións, feito que fixo que recibíramos da ENAC a acreditación segundo os criterios recollidos na norma UNE-17065 para a certificación dos viños amparados pola D.O. Ribeiro”. Juan Casares confía en que este logro “coloque ao Ribeiro no camiño da excelencia e sirva coma revulsivo nun mercado global cada día máis esixente e competitivo”.