24 adegas da D.O. Ribeiro reciben as medallas da revista HGg&T pola calidade dos seus viños

As adegas da D.O. Ribeiro recibiron as medallas individualizadas que as acrediten como triunfadoras das catas HGg&T entre 2013 e 2017, cun acto que tivo lugar hoxe, 21 de novembro nas instalacións do antigo Centro Comarcal do Ribeiro.

Un total de 24 adegas estiveron convocadas a esta entrega de diplomas que certifican que obtiveron algunha medalla de ouro ou prata nas catas celebradas neste quinquenio, demostrando que seguiron apostando pola calidade nun período de crise.

O presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, Juan Manuel Casares Gándara, fixo de mestre de cerimonias. Os premios foron entregados por Guillermo Campos, fundador de revista Hostalería Galega e Turismo; María Campos, directora da publicación e Victoriano Castro, director comercial.

A cerimonia vén sendo a segunda parte, desenvolvemento, da Gala do Turismo e a Gastronomía de Galicia celebrada en O Carballiño na primavera, na que foran proclamadas esas distincións.

Naquela ocasión, fíxoselle entrega aos consellos reguladores e entidades asimilables representantes dos colectivos produtores, as certificacións acreditativas dos podios conseguidos polos seus representados. Agora tocou entregar a distinción, individualmente, a cada empresa distinguida no ámbito dos viños.

A entrega dos diplomas de do Ribeiro é a segunda parada dun completo calendario no que se entregarán as distincións ás máis de 300 marcas distinguidas durante estes anos.

No primeiro trimestre próximo, HGg&T anunciará a convocatoria da Gala do Turismo e a Gastronomía de Galicia 2019, na que se proclamarán os podios das catas celebradas ao longo de 2018, coa que rematarán as celebracións do XXV aniversario da fundación e edición ininterrompida da revista sectorialmente hexemónica no cuadrante noroeste peninsular.