A Asociación de Sumilleres Gallaecia cata os viños do Ribeiro

O Consello Regulador foi o escenario para a cata previa das Distincións así como para a elaboración da Guía Luis Paadín de Vinos y Bodegas de Galicia

Ribadavia, 31 de xullo de 2019

A sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro foi o escenario dunha cata previa á concesión dos galardóns “Distincións Gallaecia 2019” aos mellores viños e para a elaboración da edición 2020 da Guía Luis Paadín de Vinos, Destilados y Bodegas de Galicia. Nela participaron 133 viños da Denominación de Orixe Ribeiro, entre brancos e tintos que foron catados por membros da Asociación de Sumilleres Gallaecia e catadores invitados de recoñecido prestixio, da talla do presidente da asociación de sumilleres de Málaga, o director técnico do C.R.D.O. Toro ou o director técnico de experimentación de Ribera del Duero. Desta cata sairán seleccionados os mellores viños da D.O. Ribeiro segundo o criterio dos expertos, que pasarán a á cata final que se celebrará a principios de setembro en Fisterra.

Aurelio Vázquez, presidente da Asociación de Sumilleres Gallaecia, define a cata realizada en Ribadavia como unha das máis interesantes. “Nos viños brancos desta colleita destaca o equilibrio a frescura e os diferentes matices entre zonas, nos viños de anadas anteriores quero subliñar a súa excelente evolución así como a súa enorme complexidade.”

No apartado de tintos, Vázquez indica que “segue a verse o cambio cualitativo destes últimos anos e a singularidade que aportan outras castes distintas a mencía nas elaboracións.”