A Asociación Gallaecia cata os viños da D.O. Ribeiro

 

O Consello Regulador foi o escenario para a cata previa das Distincións así como para a elaboración da Guía Luis Paadín de Vinos y Bodegas de Galicia.
Aurelio Vázquez, presidente da Asociación de Sumilleres Gallaecia: os brancos da colleita 2017 son equilibrados, elegantes e unha volta á frescura dos grandes Ribeiros.

A sé do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro foi o escenario dunha cata previa á concesión dos galardóns “Distincións Gallaecia 2018” aos mellores viños e para parte da elaboración da edición 2019 da Guía Luis Paadín de Vinos, Destilados y Bodegas de Galicia. Nela participaron 111 viños da Denominación de Orixe Ribeiro, entre brancos, tintos e tostados que foron catados por membros da Asociación de Sumilleres Gallaecia e catadores invitados de recoñecido prestixio. Desta cata sairán seleccionados os mellores viños da D.O. Ribeiro segundo o criterio dos expertos, que pasarán a á cata final que se celebrará a principios de setembro.

Aurelio Vázquez, presidente da Asociación de Sumilleres Gallaecia, define a cata realizada en Ribadavia como unha das máis interesantes. “Nos brancos da colleita 2017, atopámonos con viños moi equilibrados, elegantes e unha volta á frescura dos grandes Ribeiros. Nos brancos de anadas anteriores, dende 2016 ata 2013, puidemos observar a complexidade que atesouran estas variedades de uva autóctonas co paso do tempo, preséntanse viños con moi boa boca, acompañada dunha elegancia digna de mención e unha largura eterna.”

No apartado de tintos, Vázquez indica a súa sorpresa en canto á cantidade de viños, con grandes calidades que “nos abren a unha nova dimensión de sensacións.”

E por último, o presidente de Gallaecia sinala que o tostado merece un lugar no podio dos grandes viños galegos, definíndoo como unha xoia enolóxica. “Catamos un tostado 2008 no que se percibe moitísimo futuro aínda, complexidade, elegancia, largura, equilibrio…”