A comedia ‘Cuñados’, rodada en Ourense, chegará aos cinemas en abril

Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira e Federico Pérez Rey protagonizan esta comedia de enredo que conta as peripecias de tres cuñados embarcados nun plan disparatado.

‘Cuñados’, primeira longametraxe cinematográfica producida por Portocabo, conta coa colaboración da Deputación de Ourense e da D.O. Ribeiro.

9 de febreiro de 2021.

O vindeiro mes de abril estrearase en cinemas a comedia Cuñados, ópera prima de Toño López e primeira longametraxe da produtora Portocabo (Hierro, Auga Seca) creada para a gran pantalla.

Rodada integramente na provincia de Ourense e ambientada en torno ao mundo das adegas do Ribeiro, Cuñados é unha comedia de enredo sobre as peripecias delituosas de tres cuñados unidos polo azar e embarcados nun plan disparatado.

O filme, rodado en galego, conta con algunhas das caras máis recoñecidas e queridas do noso panorama audiovisual, como son Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira e Federico Pérez Rey. A réplica feminina atopámola noutras tres grandes actrices galegas: Eva Fernández, Iolanda Muiños e María Vázquez. Engádense ao reparto Mela Casal, Paku Granxa, Manolo Cortés, Brais Yanek, Patricia Torres e Avelino González.

O guión de Cuñados é obra de Araceli Gonda (Hierro, 18 comidas, Luci). Á fronte do equipo técnico están destacados profesionais do noso audiovisual como Jaime Pérez (Hierro, Olvido y León, Esquece Monelos) na dirección de fotografía, Lu Rodríguez (El desorden que dejas) na montaxe, Santi Jul e Iván Laxe (18 comidas, Matalobos) na música orixinal ou Andrea Pozo (Auga Seca, María e os demais) na dirección artística, entre outros. Na produción executiva está Alfonso Blanco, director xeral de Portocabo.

Cuñados é unha produción de Portocabo que conta coa participación de RTVE e Televisión de Galicia e coa subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). O filme foi rodado integramente na provincia de Ourense e nel colaboraron a Deputación de Ourense e mais a D.O. Ribeiro. Filmax encárgase da distribución en España, así como das vendas internacionais.

Sinopse

Eduardo (Miguel de Lira) e o seu cuñado Sabonis (Xosé A. Touriñán) acaban de meter a zoca nun dos seus negocios e precisan cartos. Moitos cartos. Será Sabonis quen lle atope a solución ao problema secuestrando a Modesto (Federico Pérez Rey), cuñado de Alicia Zamora, a empresaria que os enganou e os deixou tirados. Só hai un pequeno problema: Alicia non pensa pagar un peso polo seu cuñado. Mais é o propio Modesto quen urde un novo plan co que Eduardo e mais Sabonis poderán salvar a adega familiar. Estes tres cuñados téñeno todo para fracasar, pero, como diría Sabonis, malo será.

Toño López / Director

Cuñados é o debut de Toño López na gran pantalla. A súa carreira estivo ligada principalmente á televisión, onde empezou como director na exitosa serie da Televisión de Galicia Mareas Vivas.

Tamén dirixiu a sitcom 4º sen ascensor, a sitcom xuvenil rodada en inglés para o mercado nacional The Avatars, as series da TVG Matalobos e Luci e a comedia para a Televisión Canaria titulada La Revoltosa.

Tamén dirixiu a primeira temporada de Auga Seca, coprodución de Portocabo coa produtora portuguesa SPi, e na actualidade está a rodar a segunda temporada, que tamén estará dispoñible en RTP, TVG e en HBO España e Portugal.

Portocabo

En pouco máis de 10 anos, Portocabo posicionouse como unha produtora de referencia nos principais mercados europeos, establecendo unha rede de alianzas para producir ficción para o mercado global e abrindo España á coprodución internacional de ficción televisiva. Liderando a compañía, Alfonso Blanco é hoxe un dos produtores executivos e showrunners máis importantes do país.

Neste tempo Portocabo produciu títulos de éxito como Hierro, un crime drama en coprodución con MOVISTAR+, ARTE France e Atlantique Productions; o drama policial Auga Seca en coprodución con SPi para RTP e TVG, que é a primeira serie en galego en emitirse en HBO España e Portugal; o drama romántico Vidago Palace, unha coprodución con HOP! para TVG e RTP; ou Os fillos do sol, tv-movie coproducida con Diagonal TV para TVG e TV3, por mencionar algunhas das súas producións.

A excelencia das súas series viuse refrendada en múltiples ocasións obteniendo, entre outros, o premio Ondas á mellor serie, o premio Feroz á mellor serie dramática, o premio Zapping á mellor serie, o premio MIM series á mellor actriz, o premio Iris ao mellor guión, varios premios Mestre Mateo en distintas categorías e o galardón do Festival Zoom de televisión, todas elas por Hierro. Tamén foi finalista de premios internacionais entre os que destaca o Venice TV Awards.