A D.O. Ribeiro celebra un “Cata a Arte” especial no Castelo de Santa Cruz, Oleiros

Preto de 250 winelovers se achegaron ao evento para probar os viños das adegas Alberte, Terra do Castelo, Val do Deva e Viña Costeira

Oleiros, 24 de novembro de 2018

As adegas da D.O. Ribeiro Alberte, Terra do Castelo, Val do Deva e Viña Costeira presentáronse onte no Castelo de Santa Cruz, en Oleiros (A Coruña) a través da primeira edición do Tour Cata a Arte by D.O. Ribeiro, nun evento organizado en colaboración co sumiller Luis Paadín.

Esta iniciativa, promovida polo Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro e que xa vai pola súa quinta edición en Ourense, viaxou por primeira vez ata Oleiros con motivo da inauguración da exposición de arte da artista María Coira. O coñecido escritor Xosé Luis Méndez Ferrín pronunciou unhas verbas moi sentidas hacia ela.

Durante o evento, as catro adegas ofreceron os seus viños aos preto de 250 amantes do viño e a cultura visitantes ao evento da man dos propios adegueiros. Ademais, para amenizar a velada, contouse coa actuación musical de Eduardo Coma (violín) e Francisco Rosa (guitarra) e dun tradicional magosto para acompañar os viños das catro adegas.

A entrada actividade foi de balde aínda que, no marco desta acción solicitouse un donativo dirixido á  Asociación Mar de Fábula, destinada integramente á limpeza do mar, representada no acto polo seu socio fundador, Xosé Manuel Barros.