A D.O. Ribeiro celebrou a chegada do Nadal coa novena edición dos seus Premios

Pazo do Mar Expresión 2019 foi escollido como Mellor Viño Branco de Adega; Cuñas Davia 2019, Mellor Branco de Colleiteiro; o Cotarelo 2019, Mellor Tinto de Adega; e Canción de Elisa 2019, Mellor Viño Tinto de Colleiteiro

Juan Manuel Casares, presidente do Consello Regulador, salientou que desexa que neste Nadal en ningunha mesa galega falte unha botella de viño da D.O. Ribeiro

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2020.

A Denominación de Orixe Ribeiro quixo celebrar a chegada do Nadal na novena edición dos seus Premios, reunindo de forma presencial e online a autoridades, xornalistas, adegueiros, viticultores e representantes de todos os estamentos implicados na cultura do viño.

Na súa intervención, o presidente do Consello Regulador, Juan Manuel Casares Gándara, quixo destacar que “nestes días tan especiais que se achegan debemos ser ‘máis galegos que nunca’ mercando produtos da nosa terra e no noso comercio como forma de que todo o valor engadido fique aquí. Por elo neste Nadal en ningunha mesa galega debe faltar unha botella de viño da D.O. Ribeiro”.

A gala serviu para coñecer os gañadores da Cata Oficial, designados a cegas por un panel de expertos de entre os 50 viños participantes, dun total de 32 adegas.

Pazo do Mar Expresión 2019, de Adegas Pazo do Mar, é o “Mellor viño branco de adega”.
O galardón ao “Mellor viño branco de colleiteiro” recaeu en Cuñas Davia 2019, de Adegas Valdavia.
O “Mellor viño tinto de adega” foi para O Cotarelo 2019, de Benigno Ríos Mosquera.
E, o “Mellor viño tinto de colleiteiro” é Canción de Elisa 2019, de Adega Dona Elisa.

O acto, no que se seguiron os debidos protocolos de precaución, tivo lugar no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago.

Pero non foron estes os únicos galardóns que se entregaron. Luís L. Paadín, profesor e catador, foi nomeado “Persoeiro de Honra” da Denominación de Orixe Ribeiro e Alfonso Albor Rodríguez, da adega Pazos de Albor, recolleu o “Vida entre Vides”.

Tamén foi protagonista Esther Daporta que recibiu o “Muller e Viño”, na mesma semana na que o restaurante Yayo Daporta de Cambados revalidou a súa Estrella Michelin.

O xornalista Francisco J. Gil, do programa Cousas de Comer, foi recoñecido no apartado de “Mellor Labor de Comunicación”.

E, nas categorías reservadas aos profesionais da hostalaría e da venda aos particulares, o “Mellor servizo de viño en restaurante”, foi para Los Abetos, de Nigrán; o “Mellor tenda de viños-viñoteca”, para Valladares en Santiago; e o “Mellor bar de viños-taberna” a Derby, en Vilagarcía.

A gala contou coa presenza do Vicepresidente da Xunta Alfonso Rueda; do Presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices; do conselleiro do Medio Rural, José González; do concelleiro de Presidencia, Relacións Institucionais e Turismo do concello de Santiago, Gumersindo Guinarte; e da directora de Turismo, Nava Castro; así como dunha ampla representación institucional dos concellos pertencentes á D.O. Ribeiro.