A Ruta do Viño do Ribeiro recibiu a Paola Rojas, unha das periodistas máis populares de México

A periodista mexicana visitou varios recursos da Ruta do Viño do Ribeiro que difundirá a través das súas redes sociales (instagram). Juan Casares, presidente da Ruta do Viño, salienta a aposta desta entidade por potenciar o Ribeiro como destino enoturístico de calidade. Acción foi financiada pola Deputación Provincial de Ourense e a Ruta do Viño do Ribeiro.

Ribadavia, 18 de agosto de 2022.

A Ruta do Viño do Ribeiro recibiu a Paola Rojas Hinojosa, unha das periodistas máis influíntes de México e presentadora de telexornais na cadea Televisa. Na súa visita estivo acompañada por Michelle Friedman, Secretaria de Fomento Turístico do estado mexicano de Iucatán.

Na súa estancia en O Ribeiro, a través da empresa galega “Vino por la tierra” a xornalista mexicana percorreu diferentes puntos da comarca destacando o seu carácter diferenciador como territorio termal e enoturistico de referencia. As súas actividades incluíron a visita a unha adega da Ruta do Viño co gallo de coñecer máis polo miúdo a calidade das nosas elaboracións, un paseo nun dos Eco Barco do Ribeiro como forma de poñer en valor a paisaxe e o disfrute do outro gran recurso do territorio, o termalismo, no Balneario que a empresa Caldaria rexenta no concello da Arnoia.

Esta acción, financiada pola Asociación Ruta do Viño do Ribeiro e pola Deputación Provincial de Ourense, ten coma obxectivo a promoción de O Ribeiro como produto turístico enfocados ao termalismo e á enogastronomía. Segundo Juan M. Casares, presidente da Ruta do Viño do Ribeiro, “Tanto esta, como todas as accións desenvolvidas durante este ano 2022, supoñen unha forte aposta polo territorio e a súa finalidade é convertermos á enocomarca de O Ribeiro nun destino turístico desestacionalizado e de calidade.”

Dende a Ruta do Viño do Ribeiro se integra esta acción no plan de actividades do ano 2022 centrado fundamentalmente na promoción dos recursos enoturísticos do territorio co obxecto atraer visitantes motivados pola cultura do viño en particular e polo turismo sustentable en xeral. O sector enolóxico como as adegas e o turísticos como restaurantes, aloxamentos e guías, están adaptando as súas propostas e experiencias á nova demanda do público ofrecendo experiencias innovadoras e de calidade.

Esta acción constitúe unha máis dentro do amplo abano de actividades que este entidade está a desenvolver durante o ano 2022: a presentación do documental de longa duración “O camiño do viño. Historia dun arrieiro” no que se mostran os recursos turísticos do territorio ribeirán usando coma fío condutor a figura histórica do arrieiro, unha Press Trip con periodistas especializados no mundo do turismo entre os que se atopaban representantes de grandes cabeceiras xornalísticas de España, a XI edición da Xornada de Portas abertas das Rutas do Viño de Galicia que promove a Axencia de Turismo de Galicia e, xa no mes de xuño, O Ribeiro foi o escenario da emisión, durante toda a fin de semana, dun dos programas radiofónicos máis importantes no escenario nacional.

Ruta do Viño. Datos de 2021

Dende a súa creación no ano 2007, a Ruta do Viño do Ribeiro vén experimentando un proceso de incremento dos seus visitantes, sobre todo dende o ano 2012. No período 2008/2019, pasaron polo Ribeiro preto de 120.000 persoas, tendo en conta os datos que se rexistran nas adegas. O mellor dato rexistrarase no ano 2019 onde os visitantes chegaron ás 14.277 persoas. O incremento medio de visitantes por ano sitúase no 12-14% tendo en conta que o incremento é ascendente desde o 2012, ano no que houbo o menor número de visitantes de toda a serie rexistrada.

Os datos de 2021, malia que aínda sufrimos certas restriccións por mor das ondas derivadas da pandemia COVID, superan os mellores datos anuais. Así foron 20.112 as visitas rexistradas durante ese exercicio. Destacan nestes datos o incremento das visitas en adegas que ofrecen experiencias enoturísticas así como o número de visitas ao Museo do Viño de Galicia, que estase a revelar coma un valor enoturístico en alza.

No tocante aos perfís dos visitantes, o Ribeiro é destino preferente en colectivos de 45 a 65 anos que supoñen o 47% dos visitantes, aínda que é certo que nos últimos anos, a franxa de idade que comprende os 30-45 vai aumentando ata situarse no 28%. Os enoturistas viaxan en parellas ou en grupo de non máis de 4 a 6 persoas cun nivel de renda medio, e proveñen sobre todo, no 90% de Galicia, un 8% do resto de España e un 2% de países europeos.

Actualmente integran esta entidade un total de 50 socios repartidos da seguinte forma: dez concellos, dezasete adegas, once aloxamentos, sete restaurantes, dúas empresas de servizos e as oficinas de turismo de Ourense e Ribadavia, ademais de o Consello Regulador da D.O Ribeiro que ostenta a presidencia.