Celebrarase no claustro do Mosteiro de San Salvador o 21 de setembro ás 13.00 horas
Ribadavia, 21 de agosto de 2024.
O recoñecido músico Xabier Díaz, despois da exitosa xira galega de presentación do seu novo disco “Axúdame a sentir” e a súa extensión pola Península, na que a D.O. Ribeiro o acompañou en varias ocasións, celebrará o mes que vén un dos concertos máis especiais.
O singular concerto de Xabier Diaz & Adufeiras de Salitre terá lugar o sábado 21 de setembro, en sesión matinal, ás 13.00 horas, no claustro do Mosteiro de San Salvador de Celanova, e os espectadores poderán gozar dunha degustación previa do viño Fillas D.O. Ribeiro, nunha edición única deste branco con motivo da xira “Axúdame a sentir”.
Coñecido pola súa habilidade para reconverter pezas tradicionais buscando a súa propia versión das mesmas, Díaz presenta así o seu sétimo disco en solitario, sempre mantendo o seu compromiso coa cultura galega e a súa capacidade para conectar co público de todas as idades.
As entradas están dispoñibles en https://xabierdiaz.com/es/event-item/celanova/.