Ábrese o prazo para preseleccionar o cartel que representará a Feira do Viño do Ribeiro 2024

A organización outorgará un único premio dotado de 1.000 euros á obra gañadora do concurso

Ribadavia, 18 de xaneiro de 2024.

Dende mañá, venres 19 de xaneiro, e ata o domingo 28 de xaneiro, toda persoa que o desexe poderá participar na selección do cartel que representará a 61ª edición da Feira do Viño do Ribeiro, que se celebrará do 3 ao 5 de maio de 2024. Os interesados deberán persoarse no local social da Madalena (situada no barrio xudeu de Ribadavia) entre o 19 e o 28 de xaneiro (ambos incluídos) en horario de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas para ver a exposición pública dos 74 carteis que se presentaron ao concurso. Alí mesmo, se lles fará entrega dun formulario para votar polas cinco obras que máis lle gusten.

Desta preselección sairán elixidos un total de 20 cartaces, os máis votados polo público final. A selección do gañador do concurso (que será premiada con 1.000€) farase na primeira semana de febreiro cun xurado experto, formado por profesionais do deseño e artes, momento no que se fará pública a imaxe e o seu creador.

A organización da Feira do Viño do Ribeiro, formada polo C.R.D.O. Ribeiro e o Concello de Ribadavia, convocou a finais de 2023 un concurso de carteis, dirixido a deseñadores e artistas profesionais, para seleccionar o que vai representar a 61ª Feira do Viño do Ribeiro.

O presidente do C.R.D.O. Ribeiro, Juan M. Casares, comenta: “con este proceso de selección do cartel oficial da 61ª edición da Feira do Viño do Ribeiro arranca o camiño que nos levará ata a primeira fin de semana de maio coa celebración de dita feira. Nesta etapa, hai tres cousas que quero resaltar; por unha banda, despois de dous anos sen facelo, recuperamos o concurso de carteis, segundo, introducimos a innovación de que a preselección sexa realizada polo público, o que significa que inserimos un factor máis neste proceso de selección: os receptores finais, e por último, con esta actividade implicamos directamente ao público, sobre todo aos veciños da vila de Ribadavia e de toda a comarca do Ribeiro, aos que animamos a acudir á Madalena para votar polos seus carteis favoritos.”

Pola súa banda, o alcalde de Ribadavia, César Fernández, engade que “con esta preselección do público, logramos facer máis participativa esta vindeira Feira do Viño do Ribeiro, involucrando aos veciños e veciñas de Ribadavia nesta actuación previa á celebración do evento. Facémolos partícipes, para que opinen cales son os carteis que máis lles gustan. Seguidamente quero sinalar que coa recuperación deste concurso recoñecemos aos artistas que presentan os traballos, facendo con eles unha exposición que se poderá visitar durante 10 días no local social da Madalena e que tamén estará dispoñible durante os días da Feira, xa que neste espazo se celebrará a Cata Popular.