Arco da Vella A Adega de Eladio inaugura o Ciclo ‘Cata a Arte’ en Ourense

Ribadavia, 5 de novembro de 2021.

Arco da Vella a Adega de Eladio deu onte o pistoletazo de saída á sétima edición do ciclo “Cata a Arte” coa presentación e degustación do seu viño branco Torques do Castro e os seu tinto Tarabelo, acompañada dun recital poético e cancións á viña e ao viño. O evento tivo lugar no primeiro andar do Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense con aforo completo.

O recitado de poemas á viña e ao viño fíxose intercalado por parte de Armando González López (poeta, músico e letrista de María do Ceo), Pepa Álvarez Gómez (poeta e declamadora de Verín), Curra Figueroa (poeta) e o protagonista do evento Benito Eladio Rodríguez Fernández (fundador da adega Arco da Vella a Adega de Eladio, poeta de Beade e membro do grupo “Por un Ribeiro poético”). Por outra banda, tamén soaron cancións da man do grupo “Os Tarabelos”, conformado por Armando González, Andrés Rodríguez (cantautor), Antón Alonso (músico) e o propio Eladio Rodríguez. Unha xornada moi entretida e que sacou sorrisos a máis dun dos asistentes.

Nesta sétima edición continuouse coas catas solidarias, solicitando que cada asistente colabore cun donativo dirixido integramente para a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Ourense (AFAOR), organización sen ánimo de lucro que leva 26 anos de traxectoria mellorando a calidade de vida dos seus usuarios e apoiando a coidadores e familiares. Para cumprir coa labor, conta cunha rede de colaboración entre entidades públicas, privadas e asociados pensando en ofrecer servizos especializados que faciliten o día a día dos pacientes con Alzheimer e o seu entorno.

Viño e arte

O ciclo celebrarase durante catro xornadas no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, dende o 4 de novembro ata o 2 de decembro con presentacións e degustacións de viños de adegas da D.O. Ribeiro e con accións culturais. O seu aforo estará limitado a 50 persoas por xornada, e as prazas serán cubertas por orde de retirada dos convites de xeito presencial no Centro Cultural dende o luns anterior a cada evento.
O mércores 10 de novembro será o momento da realización da cata de Bodegas Nairoa que presentará seus viños, entre os que estarán os brancos Alberte e Val de Nairoa, arroupados pola música country de Os Forasteiros. O 18 de novembro continuaremos coa cata de Vinos con Personalidad, onde Pablo Vidal presentará en cata vertical o seu viño branco Renacido e o seu novo viño tinto, Big Bang, acompañado do dúo acústico Slastic, formado por baixo e guitarra. E para rematar esta sétima edición, o broche final poñerao o 2 de decembro a Bodega Alanís, que presentará o seu viño Gran Alanís 2020 en harmonía co espectáculo musical de Queiman e Pousa.

Arco da Vella a Adega de Eladio.

É unha pequena adega familiar que vén dunha saga de antigos viticultores-adegueiros asentados no concello de Beade. Co gallo de seguir a tradición herdada, Benito Eladio Rodríguez Fernández remodela a nova adega dotándoa de maquinaria e elementos de elaboración actuais  e cultivando as viñas herdadas inicia, no 2004, nova andaina no seo da D.O. Ribeiro. O camiño a seguir basease nos seguintes propósitos: viticultura: tradicional cuasi ecolóxica en viñas propias e cepa vella, castes autóctonas, sen herbicidas, insecticidas, nin antibotríticos velenosos. Elaboración tradicional con lévedos das propias uvas e temperatura de fervura controlada mediante equipo de frío.