Bodega Alanís e L’Appetite Mort clausuran o ciclo “Cata a Arte” con cheo total

Ribadavia, 30 de novembro de 2018

Bodega Alanís presentou onte o seu viño branco Gran Alanís 2017 da man do seu enólogo, Antonio Muñoz, para unha abarrotada sala na última sesión da quinta edición do ciclo “Cata a Arte”. Nesta ocasión, o viño estivo acompañado da pura esencia da música rock espontánea do grupo ourensán L’Appetite Mort, en versión ligth así como de bocados gastronómicos que harmonizaron á perfección. O evento tivo lugar na planta baixa do Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense, lugar onde está situada a mostra “Hinterland”, unha exposición grandiosa sobre papel bullkraft de Xesús Vázquez.

L’Appetite Mort é un grupo de rock ourensán formado en 2015 entre apetito de expresión e orgasmo mental a través de melodías rockeiras inspiradas na vida mesma. É a pura esencia do rock espontáneo, que neste ciclo versionou temas de rock propios en versión light, da man de Augus, Rubén e Yvan, deleitando aos máis de 100 asistentes.

Nesta quinta edición continuouse coas catas solidarias, solicitando que cada asistente colabore cun donativo dirixido integramente para a ONG AFFOU, Asociación de Fibromialxia, Síndrome de Fatiga Crónica e Sensibilidade Química Múltiple de Ourense, que ten como misión atender as necesidades e todo o que soliciten os máis de 95 socios enfermos en Ourense, co obxectivo de mellorar a calidade de vida do propio enfermo e a súa familia. Todas as persoas que apoian esta iniciativa entraron nun sorteo de botellas de viño das adegas participantes e merchandising da D.O. Ribeiro.

O vindeiro mes de decembro entregarase o cheque solidario coas aportacións de todos os asistentes durante as catro xornadas que abrangueu o ciclo. O evento de entrega celebrarase no Centro Cultural Marcos Valcárcel.

Viño e arte

O ciclo rematou onte coa súa última sesión, levando realizado eventos todos os xoves de novembro no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense con presentacións e degustacións de viños de adegas da D.O. Ribeiro e con accións culturais paralelas.