Bodegas Cunqueiro e Perrito Piloto cativan ao público do “CatArte”

Ribadavia, 22 de novembro de 2024.

Bodegas Cunqueiro ofreceu onte, a segunda sesión do ciclo “CatArte”, unha degustación e presentación de catro dos seus viños brancos máis representativos: os monovarietais Cunqueiro Treixadura, Máis de Cunqueiro Torrontés e Godello e o plurivarietal Cunqueiro III Milenium.

César Fernández, responsable comercial e de márketing da adega foi o encargado de guiar a ampla cata, seguida dun animado concierto do dúo guitarra e violín “Perrito Piloto”. O evento, con aforo completo, incluiu a degustación dos catro viños harmonizados coas versións instrumentais de diversos estilos e celebrouse no primeiro andar do Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense, onde estivo arroupado pola exposición fotográfica ‘O anxo que nunca fun” de Manuel Outumuro.

Nesta décima edición continuaron as catas solidarias e toda a recadación da venda de entradas solidarias irá destinada integramente á Asociación AIXIÑA de Ourense. Esta entidade xestiona un Centro Especial de Emprego sen ánimo de lucro para a inserción laboral das persoas con discapacidade, que inclúe a todo o persoal que traballa na Asociación e que lles permite dar continuidade aos diferentes programas, actividades e servizos. Xeran valor ao ofrecer un proxecto diferente que ofrece calidade, compromiso e profesionalidade na prestación dos servizos. Hoxe é unha realidade socialmente responsable e un referente na creación de emprego para persoas con discapacidade e na busca de alternativas e novos proxectos dende unha concepción global, interdisciplinar e innovadora que entende a diversidade e a igualdade de oportunidades como un factor de cambio social e participación das persoas con discapacidade.

Viño e arte

O ciclo celébrase durante tres días no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, os xoves do 14 ao 28 de novembro con presentacións e degustacións de viños de adegas da D.O. Ribeiro e con actuacións musicais. O seu aforo está limitado a 100 persoas por día, e as entradas solidarias, cun custo de 5€ por persoa, véndense a través da plataforma en liña “Entradium”.

Para rematar esta décima edición, o broche final será o xoves 28 de novembro da man de Bodega Alanís, que fará unha cata de tres dos seus viños en sintonía gastronómica xunto coa actuación musical de En Mala Hora.