Cuñas Davia harmonízase con MounQup no ciclo Cata a Arte de Ourense

 
Adegas Valdavia presentou onte os seus viños Cuñas Davia branco, Cuñas Davia Barrica e Cuñas Davia tinto na segunda sesión do ciclo “Cata a Arte” da man de Alberto G. Úbeda, xerente da adega, acompañados da música do grupo MounQup.

O evento celebrouse na planta baixa do Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense, rodeada da mostra “Esto no es un selfie”, unha exposición de 100 fotografías, 100 miradas realizadas en formato selfie para amosar nelas o seu verdadeiro ser, máis alá dos accesorios que se visten.

Camille Hèdouin naceu en Francia pero considérase galega de adopción. Leva varios anos participando coa súa voz en bandas de jazz, electrónica e folk. As súas composicións son un collage de texturas, formas e cores que teñen como resultado a paisaxe sonora de MounQup, feito que se puido descubrir onte. Poucas artistas representan tan ben a mestura de culturas, o compromiso con elas a través de influencias que van desde os ritmos africanos á experimentación nórdica máis arriscada.

Nesta cuarta edición, continúase coas catas solidarias, solicitando que cada asistente colabore cun donativo dirixido integramente para a ONG Autismo Ourense, asociación que ten como misión promover a calidade de vida das personas con Trastornos do Espectro do Autismo (TEA) e das súas familias ao longo do seu ciclo vital, facilitando e potenciando o seu desenvolvemento integral, mediante a posta en práctica de programas individualizados e específicos que cubran as características, necesidades e intereses de cada un dos seus usuarios. Todas as persoas que apoian esta iniciativa entran nun sorteo de lotes de viño das adegas participantes e merchandising da D.O. Ribeiro.

Viño e arte

O ciclo celebrarase todos os xoves no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, dende o 2 ata o 30 de decembro con presentacións e degustacións de viños de adegas da D.O. Ribeiro e con accións culturais
O vindeiro xoves, 16 de novembro, será o momento da realización da cata de Nairoa, que presentará as últimas anadas dos seus viños Alberte e Val de Nairoa ao son da música do dúo Ton Risco & Jacobo de Miguel. O 23 de novembro será o intre de Pazo Casanova que presentará o seus viños Casanova, Pazo Casanova e Finca Viñoa acompañados da danza contemporánea de Nuria Sotelo e Cris Vilariño. E para rematar esta cuarta edición, o broche final poñerao o 30 de novembro a Bodega Alanís, que presentará o seu viño Gran Alanís en harmonía co teatro musical da man de Lili Berlín.

Ribadavia, 10 de novembro de 2017