Da sidra ao viño

Desde o remate da alta Idade Media o viñedo adquiriu carta de natureza en Galicia, converténdose en elemento inseparable da nosa paisaxe agraria. Na actualidade o viño ocupa un lugar preferente no consumo e no cultivo, e a calidade e renome conquistados nos últimos tempos outórganlle tamén un papel importante na exportación.

En cambio a elaboración de sidra pasou case inadvertida, e só en tempos recentes se apreza unha tímida emerxencia, sempre no reducido ámbito de produción para o auto-consumo, pero a través da cal se descobre a supervivencia dunha arraigada tradición doméstica. Inclusive, no momento actual están en marcha algúns proxectos destinados á explotación comercial.

Conservamos suficientes vestixios arqueolóxicos que testemuñan a presenza do viño na Galicia romana, importado inicialmente desde áreas mediterráneas, polo que aínda era un ben escaso, para irse axiña implantando o cultivo no país. Pero a gran expansión tivo lugar a partir do século X, no que se atribúe un rol decisivo aos monxes cistercenses, supostos autores da aclimatación de cepas renanas en Galicia, orixe dos albariños.

Mais Estrabón, no séc. I a.C., asegura que os galaicos castrexos, escasos de viño, tiñan como bebida alcohólica propia o «zythos»., palabra grega (léase tsizos) que remite á latina ‘sizera’, con que se designaba a sidra en época alto-medieval. Así é que, tendo en conta a aptitude climática e edafolóxica de Galicia para o cultivo da maceira e a abundante presenza desta árbore e da sidra na Galicia da alta e da plena Idade Media, semella razoable admitir que a bebida usual na Gallaecia no momento da chegada dos romanos tiña que ser a sidra, por outra parte moi común en toda a Europa atlántica.

Valéndonos de documentación estatisticamente representativa entre os séculos IX e XI (data esta última na que o viñedo acada xa a completa hexemonía), observando o produto con que se pagan as rendas en especie nos contratos de leiras, comprobamos un lixeiro predominio da sidra sobre o viño ata mediados do séc. X, e se diriximos a nosa atención aos obxectos das transacións, comprobamos a paralela maior presenza dos pomares sobre as viñas.

 

 

En resumo, é a partir de mediados do séc. X cando o viño se impón, porque o demandan para o seu consumo as cidades en crecemento e cada vez en maior medida o comercio de exportación, cousa que en cambio non acontecerá coa sidra, abundante na área atlántica e menos apta para o transporte a distancia por causa da menor graduación alcohólica.

Sen embargo, visto que os pomares seguirán a ser obxecto de transacións, a sidra ocupará aínda un lugar importante no consumo doméstico, situación na que se vai manter ata a actualidade. Por iso non é de estrañar que Aimeric Picaud, cando visitou Galicia na súa peregrinación a Compostela ao redor do ano 1130, comprobase que aquí se producía sidra en abundancia, en tanto que o viño –dí el– era escaso, observación da que deixou constancia escrita na súa “Guía de Peregrinos”, incluída no Códice CalixtinoA terra dos galegos é abundante en excelentes pomares. Escasa en viño, abondosa en sidra»). Un par de décadas antes, con motivo da coroación rexia de Afonso Reimúndez, o 17 de setembro de 1111, no banquete que seguiu ao acto solemne celebrado na Catedral de Compostela a sidra acompañou en abudancia ao viño.

 

Anselmo López Carreira

Historiador galego, autor dunha ampla obra ensaística de investigación histórica, centrada na historia medieval de Galicia.

Foto portada: Xurso Lobato