Momentos críticos e estelares do Ribeiro contemporáneo


 

A COMERCIALIZACIÓN

Houbo un secular problema derivado das malas comunicacións que obrigaba a depender de arrieiros e picheleiros do traspaís para levar os caldos ribeiraos ata CompostelaPontevedra, especialmente.

1845: Inaugúrase a estrada Vigo-Villacastín que comunica ao Ribeiro co que vai ser o seu principal destino a partires de agora.

1881: Inaugúrase o ferrocarril Vigo-Ourense que vai reforzar a Vigo como saída natural dos viños do Ribeiro e a Ribadavia nunha das principais estacións comerciais da rede.

1885: Inaugúrase o ferrocarril Vigo-Madrid que incrementa as posibilidades de exportación, nun contexto de crise filoxérica europea, pero tamén trae a competencia de viños foráneos.

A comarca do Ribeiro foi berce dun activo e reivindicativo agrarismo antiforal, sendo Ribadavia sede das IV e V Asembleas Agrarias de Galicia, pero, sen embargo, non se avanzou nada no terreo cooperativo e da comercialización en común.

Haberá que agardar ao cooperativismo do sindicalismo vertical franquista para ver nacer as primeiras cooperativas que van mudar o panorama da comercialización dominada ata entón polos corredores das diferentes parroquias.

1953: Cooperativa de San Pedro de Leiro.

1968: Cooperativa Vitivinícola do Ribeiro, fusión da anterior e da Virxe do Portal de Ribadavia.

Con todo, durante ducias de anos os viticultores do Ribeiro seguiron na súa produción os gustos do consumidor do país, non moi esixente en calidade e si no color cargado dos tintos.

1983: a superficie vitícola do Ribeiro ten un 66.1% de Alicante, un 31,3% de Jerez e un 0,3% de Treixadura.
 

AS CRISES DE PRODUCIÓN

Durante boa parte dos séculos dezanove e vinte a cantidade primou sobre a calidade nos viños e a penas houbo innovacións significativas na vinificación, máis alá da mecanización dos trasegos e a chegada das prensas de ferro.

Non obstante, a crise filoxérica primeiro e o monopolio do mercado galego despois permitiron unha importante acumulación de capital dos labregos máis abastados e dos ricos das aldeas.

Década dos cincuenta do dezanove: chegada do oidium, a peste, que foi combatida co xofre e coa intensificación dos adubados con estrume e toxo, coa esfolla para permitir o espolvoreado co fol do xofre e que trouxo unha mellor maduración dos acios, coa incorporación dos barbados como xeito de reprodución das viñas e coa xeneralización do destilado de augardente.

Década dos oitenta do dezanove: chegada do mildeu que obriga a enrramar as vides para poder aplicar o caldo bordelés e, en consecuencia, o aramiado das gavias. Tamén coincide no tempo coas primeiras prácticas de
embotellado.

Década dos dez do vinte: chegada da filoxera que ocasiona o cambio de patróns e, moi especialmente, de viníferas ao non haber practicamente viveiros de barbados e depender dos exportadores cataláns, vía Valdeorras.

Década dos sesenta do vinte: forte riada migratoria cara Europa que fai escasear os xornaleiros, incrementa os xornais dos que quedan e da paso a unha acelerada mecanización das cavas, sulfatados e carrexas.
 

AS CRISES DE MERCADO

A bonanza do ferrocarril trouxo no envés a chegada do matute, a mixtificación dos viños da terra con viños foráneos de Castela. A agrarismo organizado tivo no seu combate un dos seus sinais de identidade.

1957: creación da Denominación de Orixe, a primeira en Galicia, como instrumento para combater o matute e mellorar a calidade dos caldos.

1963: celebración da primeira feira exposición de viños do Ribeiro que nos seguintes dez anos se vai converter nun dos acontecementos populares máis masivos de Galicia.

Década dos oitenta do vinte: nova crise do matute que coincide cun fondo cambio nos gustos do consumidor que se pode exemplificar no paso de ir de viños e air de cañas. Agora cómpre apostar pola calidade e afroitamento dos viños.

Comezos dos oitenta do vinte: lanzamento do Viña Costeira pola Cooperativa do Ribeiro, unha aposta que ven simbolizar o cambio de paradigma que nestes momentos preside a vinificación na comarca cunha clara tendencia a por en valor as castes tradicionais e a innovación nas bodegas.

 

Autor: Dominguez Castro