Nairoa, Ton Risco e Jacobo de Miguel protagonizan o terceiro evento de Cata a Arte en Ourense

 
Nairoa, a adega sita no corazón de Arnoia, presentou onte os seus viños Alberte e Val de Nairoa na terceira xornada do ciclo “Cata a Arte” da man de Guillermo Díez, xerente da adega, acompañados da virtuosidade musical de Ton Risco e Jacobo de Miguel.

O evento tivo lugar na planta baixa do Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense, lugar onde está situada a mostra “Esto no es un selfie”, unha exposición de 100 fotografías, 100 miradas realizadas en formato selfie para amosar nelas o seu verdadeiro ser, máis alá dos accesorios que se visten.

O dúo formado por Ton Risco e Jacobo de Miguel conta cun repertorio integramente orixinal, o concerto amosou a intimidade dun dúo tinguido ca singular sonoridade da mestura de vibráfono e piano. Pódese dicir que é a exploración da música de cámara jazzística, nunha formación tanto sinxela como particular, que sorprende pola ampla gama de matices que acada nos directos grazas á súa improvisación.

Nesta cuarta edición, continúase coas catas solidarias, solicitando que cada asistente colabore cun donativo dirixido integramente para a ONG Autismo Ourense, asociación que ten como misión promover a calidade de vida das personas con Trastornos do Espectro do Autismo (TEA) e das súas familias ao longo do seu ciclo vital, facilitando e potenciando o seu desenvolvemento integral, mediante a posta en práctica de programas individualizados e específicos que cubran as características, necesidades e intereses de cada un dos seus usuarios. Todas as persoas que apoian esta iniciativa entran nun sorteo de lotes de viño das adegas participantes e merchandising da D.O. Ribeiro.

Viño e arte

O ciclo celebrarase todos os xoves no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, dende o 2 ata o 30 de decembro con presentacións e degustacións de viños de adegas da D.O. Ribeiro e con accións culturais
O vindeiro xoves, 16 de novembro, será o momento da realización da cata de Nairoa, que presentará as últimas anadas dos seus viños Alberte e Val de Nairoa ao son da música do dúo Ton Risco & Jacobo de Miguel. O 23 de novembro será o intre de Pazo Casanova que presentará o seus viños Casanova, Pazo Casanova e Finca Viñoa acompañados da danza contemporánea de Nuria Sotelo e Cris Vilariño. E para rematar esta cuarta edición, o broche final poñerao o 30 de novembro a Bodega Alanís, que presentará o seu viño Gran Alanís en harmonía co teatro musical da man de Lili Berlín.

Ribadavia, 17 de novembro de 2017