O C.R.D.O. Ribeiro entrega o cheque solidario coa recadación do ciclo “Cata a Arte” na sede de AFAOR en Ourense

Ourense, 26 de xaneiro de 2022.

O C.R.D.O. Ribeiro xunto co Centro Cultural Marcos Valcárcel, uníronse a favor da asociación sen ánimo de lucro AFAOR, Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Ourense, a través da sétima edición do ciclo “Cata a Arte”.

Unha serie de catas benéficas que tiveron lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel durante os xoves do mes de novembro e cuxa recadación se dirixe integramente a AFAOR.

Fíxose entrega nun sinxelo acto á secretaria da asociación, María del Carmen Pérez Prieto, da doazón do recadado durante as catro catas celebradas a finais do ano pasado. O evento tivo lugar onte na sede de AFAOR (Chano Piñeiro, 2 baixo – Ourense) e contouse coa presenza do presidente do C.R.D.O. Ribeiro, Juan Casares Gándara.

 

AFAOR

A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Ourense (AFAOR) é unha organización sen ánimo de lucro que leva 26 anos de traxectoria mellorando a calidade de vida
dos seus usuarios e apoiando a coidadores e familiares. Para cumprir coa labor, conta cunha rede de colaboración entre entidades públicas, privadas e asociados pensando en ofrecer
servizos especializados que faciliten o día a día dos pacientes con Alzheimer e o seu entorno. Ademais de manter activos aos pacientes de alzheimer con todas as actividades que organizan,
como obradoiros de memoria, as familias tamén poden beneficiarse de préstamos de axudas técnicas, información e asesoramento, entre outros servizos.