
A xerente do C.R.D.O. Ribeiro, Cristina Alcalá, xunto co historiador Xavier Castro e o poñente e catedrático de xeografía física da USC, Augusto Pérez-Alberti veñen de presentar as Xornadas de Outono: Cultura do Viño e Literatura, en colaboración do Vicerritorado de Cultura da USC e a Fundación Dieta Atlántica. O acto tivo lugar no Vicerritorado de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC, situado na rúa Casas Reais, 8 – Santiago de Compostela.
As Xornadas de Outono: Cultura do Viño e Literatura súmanse á conmemoración dos 400 anos da morte de Miguel de Cervantes. Este mes de outubro terá lugar a primeira das actividades que se sucederán ata o mes de decembro celebrándose nas distintas cidades galegas así como en Madrid e Barcelona.
Xavier Castro, como coordinador do ciclo de mesas redondas e conferencias multimedia, explicou durante o acto de presentación que o obxectivo principal destas Xornadas é o de “vincular a cultura do viño coa gran literatura no ano de Cervantes, e nada mellor que a D.O. Ribeiro para elo xunto coa lectura das novelas exemplares onde se fala tan ben deste viño ilustre”. Como moderadora e participante activa nestas actividades estará tamén Cristina Alcalá, xerente do C.R.D.O. Ribeiro, quen engadiu que “Ribeiro é paisaxe, territorio e historia, non podemos obviar o gran pasado do Ribeiro e nada mellor que estas xornadas para dar a coñecer o gran valor histórico do Ribeiro na literatura”.
Expertos debaten sobre o Ribeiro
É unha ocasión única nos que se reunirá a grandes historiadores e expertos como Xesús Alonso Montero, César Llana Rodríguez ou Anselmo López Carreiro, entre outros. Xavier Castro aproveitou para destacar que “historicamente o Ribeiro é a primeira comarca que cultiva con gran intensidade e entrega a viña ata o punto de ter que importar pan e leite de outra zonas. Tamén é a primeira comarca que se globaliza e se conecta con Europa e América e así é como chega a Cervantes. De feito nun dos seus libros sitúao en Nápoles”.
Estas xornadas consisten nunha completa serie de conferencias multimedia e mesas redondas que versarán sobre temáticas como “O Ribeiro, lingua e literatura”, “O viño do Ribeiro na época contemporánea” ou “O Ribeiro: un vello complexo agrario”. Esta última impartiraa Augusto Pérez-Alberti, quen durante o acto de presentación comentou que “veño traballando na comarca do Ribeiro dende a xeografía física e é a primeira vez que se enlaza territorio con cultura do viño. Esta combinación resulta moi interesante. Posiblemente, a cultura do Ribeiro é a de maior arraigo de Galicia, con máis tradición histórica e de paisaxe singular”.
Edición especial Ribeiro Cervantino
Como complemento ás Xornadas, o C.R.D.O. Ribeiro presentará en todas as actividades unha edición especial de viño da D.O Ribeiro, etiquetado ad hoc para esta conmemoración cervantina.