O Consello Regulador Ribeiro colabora coa EVEGA na mellora da profesionalización do sector 

Fotografía de arquivo da clausura das xornadas técnicas do ano 2017

Ao longo de 2019 desenvolverán distintas accións de interese como xornadas técnicas e talleres prácticos.

Por sétimo ano consecutivo ambas as dúas entidades colaboran buscando mellorar a profesionalización na cadea do viño Ribeiro.

Os concellos de Cenlle e Arnoia serán as sedes das primeiras accións.

Ribadavia, 6 de marzo de 2019.

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Ribeiro colaborará, un ano máis, no desenvolvemento das accións que a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA), centro dependente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), vai organizar durante o ano 2019, ao abeiro do “Plan de transferencia para o apoio ás actividades de demostración e de información ao agro galego”.

O obxectivo principal deste programa de transferencia tecnolóxica, impulsado dende AGACAL, é contribuír a que os coñecementos, melloras e innovacións, cheguen ao sector fomentando a súa capacitación tanto en aspectos técnicos coma económicos.

O presidente do CRDO Ribeiro, Juan Manuel Casares apunta que “nestas accións búscase tamén a colaboración engadida doutras entidades como os concellos da comarca e procuramos que se celebren, na medida do posible, en sedes que mostren o valor engadido da riqueza arquitectónica e cultural ou ben os recursos enoturísticos do territorio ribeirán”.

Unha colaboración histórica

Dende o ano 2013 ambas as dúas entidades veñen colaborando dun xeito regular na organización deste tipo de accións formativas que segundo o presidente do CRDO Ribeiro, Juan Manuel Casares, “son fundamentais para mellorar a formación do sector e potenciar a profesionalización en todos os elos da cadea de valor do viño Ribeiro”.

Aos talleres prácticos de atributos e defectos dos viños brancos e tintos súmanse xornadas técnicas que con títulos como os viños de garda, o Tostado, o manexo de solos e a rega no viñedo ou as estratexias de xestión de pragas e de control de enfermidades da tipoloxía do Oídio e o Black Rot, constitúen o amplo abano de temas que se teñen tratado ao longo destes anos.

Afirma Juan Manuel Casares que “dende o CRDO Ribeiro colaboramos coa EVEGA nun total de 11 accións desta tipoloxía desenvolvidos en Leiro, Arnoia, Cenlle e Ribadavia. Segundo os datos que nos constan, nelas participaron máis de 30 poñentes de distintos puntos de Galicia e España e contaron coa asistencia de algo máis de 900 alumnos”.

Asemade esta colaboración faise extensiva a outros servizos como o analítico xa que o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro utiliza tamén os servizos do laboratorio da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA), acreditado pola ENAC, para a realización das analíticas correspondentes ao seu programa de control da calidade.

Actividades previstas para o ano 2019

Como continuación desta colaboración estable entre as dúas entidades, durante o ano 2019 organizaranse un total de catro accións nas que colaborarán outras entidades como a Fundación Juana de Vega, a Asociación Ruta do Viño do Ribeiro e os concellos de Cenlle e Arnoia.

O programa formativo principia o vindeiro día 15 de marzo coa celebración dun taller práctico sobre “Elaboración dun Plan de Comunicación Dixital como ferramentas de innovación e márketing”. Esta acción desenvolverase na Casa do pobo de Barbantes. (local da Asociación de MM. VV. Man Común de Barbantes) do concello de Cenlle e a súa finalidade é que os participantes aprendan a deseñar esta ferramenta que permite analizar, e de ser o caso, mellorar aspectos de importancia empresarial como a presenza da empresa vitivinícola e/ou enoturística na rede; o coidado da súa imaxe ou a interacción co cliente. Impartido pola especialista en xestión de redes sociais, María Porto Corujo; as prazas dispoñibles son 20 e o prazo de inscrición rematará o día 13 de marzo.

O día 22 de marzo os interesados poderán asistir, no Hotel Balneario Arnoia Caldaria, a outro taller titulado “Aromas do Ribeiro. Novos procesos de recoñecemento dos atributos nos viños da D.O.P. Ribeiro”. Nesta actividade os asistentes poderán coñecer os procesos de adestramento do olfacto e o gusto a través do recoñecemento de descriptores básicos dos viños amparados pola Denominación de Orixe Protexida Ribeiro. Coñecerán as moléculas responsables dos principais atributos neses viños tal e como se describen no pliego de condicións do Consello Regulador así como a orixe e mecanismos da súa aparición; aprenderán a detectar o limiar de percepción de cada atributo e a coñecer como se manifestan en positivo estes atributos nos viños do Ribeiro.

Os destinatarios destas accións son viticultores, adegueiros, enólogos, persoal técnico das adegas e dos consellos reguladores e persoal investigador interesado no tema. Membros do panel de cata do Consello Regulador Ribeiro. Público interesado en xeral.

Durante o segundo semestre do ano celebraranse outras dúas actividades: unha xornada técnica sobre a elaboración de vinagres e un taller especializado de cata destes produtos, ambos os dous contarán coa presencia no Ribeiro de expertos da Asociación Vinavin.