O C.R.D.O. Ribeiro colabora co XXI Campionato oficial de Galicia de Sumilleres

Eduardo Camiña Ucha do restaurante Mugaritz proclamouse campión, en segundo lugar quedou Tomás Ucha Altamirano, tamén do Mugaritz e en terceira posición Andrés Domínguez, de Adega das Caldas, Ourense

Ribadavia, 19 de febreiro de 2019

O C.R.D.O. Ribeiro vén de ser colaborador activo na XXI edición do Campionato Oficial de Galicia de Sumilleres, onde Juan Manuel Casares Gándara, presidente da D.O. máis antiga de Galicia, participou onte como xurado no campionato galego de sumilleres organizado por AGASU (Asociación Galega de Sumilleres), que tivo lugar onte no IES Carlos Oroza de Pontevedra.

O gañador do Campionato foi Eduardo Camiña Ucha, do restaurante Mugaritz, en Guipuzkoa, o segundo posto foi para Tomás Ucha Altamirano, tamén do Mugaritz e en terceira posición quedou Andrés Domínguez, de Adega das Caldas, en Ourense.

A proba foi clasificable para o campeonato nacional de sumilleres UAES, que se disputará na vindeira edición do Salón Gourmets, no mes de abril en IFEMA, Madrid. Eduardo e Tomás, os dous primeiros clasificados, serán os que representarán a Galicia na final a nivel nacional.

O xurado profesional que avaliou aos participantes estivo formado por sumilleres de AGASU, da Asociación Galega de Enólogos, Patricia Presas e Alfonso Losada, os profesores do IES Carlos Oroza, Manuel Hermo, Tina Vázquez e Carlos Pérez, do Centro Superior de Hostalería de Galicia, Marta Fernández, da Asociación Gallega de Barmans, Jose Soto, o presidente do C.R.D.O. Ribeiro, Juan Manuel Casares, da revista HG&T, Guillermo Campos do Instituto Galego do Viño, Juanjo Figueroa e da UAES (Unión de Asociaciones Españolas de Sumilleres), Juan Muñoz e Alfredo Álvarez.