O C.R.D.O. Ribeiro organiza unha xornada técnica sobre a flavescencia dourada da vide e o mildiu

Expertos de gran prestixio nacional e internacional impartiron o programa de relatorios

30 de octubre de 2025.

O C.R.D.O. Ribeiro, en colaboración coa Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia, celebrou onte unha xornada técnica informativa sobre dous dos grandes problemas que afectan ao viñedo, a enfermidade fúnxica mildiu e a flavescencia dourada da vide, enfermidade que se transmite a través do insecto vector Scaphoideus titanus. A xornada, que completou aforo, tivo lugar en Santa Cruz de Arrabaldo (Ourense), en horario de 9.00 a 15.00 horas.

A sesión deu comezo coa benvida da presidenta do C.R.D.O. Ribeiro, Concha Iglesias, quen aproveitou para “agradacer a colaboración á Deputación de Ourense e aos relatores, así como a alta afluencia de profesionais do viñedo asistentes á xornada”. Foi seguida do relatorio a cargo de Julio Prieto, consultor vitivinícola de Navarra, que versou sobre “o mildiu entre mitos e certezas”, destacando que a loita eficaz contra o mildiu comeza moito antes da infección. Factores como a estrutura do viñedo, a ventilación, a densidade de plantación, a elección varietal e a xestión do vigor son determinantes no nivel de risco. “Non todo está nos tratamentos; o problema non é o fungo, senón como o xestionamos”, afirmou.

A continuación, foi o momento de Jordi Mateu e Honorat Sabater, xefe e técnico da vide da Unidade de Sanitat Vexetal en Girona, quen expuxo a súa experiencia e evidencias do 1996 ao 2025 en Xirona para a erradicación da flavescencia dourada. Mateu lembrou que a detección temperá e a eliminación inmediata das cepas infectadas, combinadas con tratamentos insecticidas axustados ao ciclo biolóxico do vector, son as claves do éxito no control da FD. Resaltou tamén a importancia da cooperación entre técnicos, viticultores e administracións, representada nas denominadas ‘4C’: colaboración, coordinación, confianza e credibilidade. Pola súa banda, Sabater presentou máis de dúas décadas de traballo técnico e resultados obtidos nas comarcas do Gironès, Alt Empordà e Baix Empordà, destacando a importancia da prospección sistemática do vector e das cepas infectadas, así como a aplicación rigorosa de tratamentos insecticidas en momentos clave do ciclo biolóxico do insecto.

A quenda de Ana Chavarri, asesora vitícola en Provenza (Francia) presentou unha potente mensaxe durante a súa charla que levaba por título “Contra a flavescencia, todos unidos” na que expuxo o modelo de traballo aplicado no departamento de Bouches-du-Rhône, que abarca 10.500 hectáreas repartidas en 80 localidades, coa implicación de máis de 150 adegas e cooperativas. Destacou a importancia da prospectiva colectiva, a verificación do material vexetal mediante termoterapia (50°C durante 45 minutos) e a observación coordinada do vector Scaphoideus titanus, adaptando os tratamentos insecticidas segundo o ciclo biolóxico do insecto e as condicións locais.

Seguidamente, Nicasio Mejuto e Encarna Rodríguez, subdirector xeral e xefa do servizo de explotacións agrarias de Ourense, presentaron un compendio de medidas para a erradicación da flavescencia dourada na vide nas zonas demarcadas. Rodríguez comentou que “unha das principais novidades deste ano é a aprobación do Decreto 29/2025, do 7 de abril, que declara de utilidade pública a erradicación da flavescencia dourada en Galicia e habilita á Administración para a execución subsidiaria das medidas naquelas parcelas cuxos propietarios non cumpran coas obrigacións establecidas. Esta disposición permite que a Xunta actúe directamente para arrincar e destruír plantas enfermas ou abandonadas, garantindo a eliminación de focos de contaxio e asegurando a eficacia do plan de erradicación. Os custos destas actuacións poderán ser reclamados posteriormente aos titulares das parcelas, sen prexuízo do réxime sancionador aplicable.”

Cara o final da xornada tivo lugar un vivaz coloquio conxunto entre os expertos relatores, cunha gran batería de preguntas dos asistentes, entre os que se atopaban viticultores e adegas rexistradas na D.O. Ribeiro, así como autoridades, persoal de Medio Rural, enxeñeiros agrónomos, agrícolas e outros profesionais e persoal vinculado ao viñedo de todo Galicia. A clausura da xornada foi a cargo do presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, quen subliñou a importancia de controlar estas enfermidades que prexudican a produción desde os seus criadeiros en viñedos abandonados, “para contribuír así a aumentar o valor das nosas terras e a combater o abandono nas nosas zonas rurais”, ao que lle seguiu un pequeno cátering e viño D.O. Ribeiro de cortesía para todos os presentes.