O presidente do Ribeiro pide unha maior implicación na persecución da fraude de marca

 

Foi durante a xornada “A cesta da compra a exame” organizada pola Unión de Consumidores de Galicia. Juan Casares lembrou o papel fundamental do Consello Regulador do Ribeiro como eixo vertebrador e factor de cohesión dun territorio histórico.

Santiago, 25 de xuño de 2019

Esta mañá celebrouse na Cidade da Culturade Santiago de Compostela a xornada “A cesta da compra a exame”, organizada pola organización Unión de Consumidores de Galicia. Como parte do programa desenvolveuse a mesa redonda “O consumo de produtos de valor engadido” na que participou Juan M. Casares, presidente do CRDO Ribeiro, que compartiu foro con Melisa Pagliaro, responsable de marketig de GADISA; Elva Otero, responsable de comunicación e promoción do CRAEGA e Gloria Bernárdez, delegada en Ourense da asociación de celíacos de Galicia.

 

Durante a súa intervención, o presidente do C.R.D.O. Ribeiro, Juan Manuel Casares, fixo fincapé no bo momento que vive a denominación de orixe que representa despois da cantidade de recoñecementos que están a obter os viños amparados por este Consello Regulador, “Os premios obtidos durante este ano constitúen un recoñecemento implícito de que algo se está a facer ben no Ribeiro.”

Na súa intervención, o presidente do C.R.D.O. Ribeiro subliñou o papel fundamental que desenvolve o Consello Regulador do Ribeiro, “como eixo vertebrador dunha comarca esencialmente vitivinícola e como factor de cohesión dun territorio histórico onde a viticultura é o motor económico. Dende o Consello Regulador xestionamos recursos, calidade, promoción, pero tamén somos un axente xerador de oportunidades para os nosos asociados”. Neste sentido, Juan M. Casares reivindicou unha maior sensibilidade co territorio que abrangue a Denominación de Orixe máis antiga de Galicia, “o Ribeiro precisa fotos con texto, é dicir require medidas de apoio claras e contundentes. Algunhas destas medidas derivarán necesariamente do Estudio socioeconómico e Plan estratéxico que se está a elaborar grazas ao apoio claro da Deputación Provincial de Ourense.”.

Juan M. Casares salientou que “unha DOP supón un aval cara o consumidor de que o produto que merca foi elaborado nun territorio concreto e baixo unhas característica definidas. É unha dobre garantía sobre o produto que ampara: garantía de orixe e de calidade.” Finalmente o presidente do CRDO Ribeiro pediu unha maior implicación de todos os axentes políticos e sociais na persecución da fraude no uso das marcas de calidade, algo que está a afectar moito ao viño Ribeiro, “Creo que calquera tipo de fraude debe ser perseguido pero cando se trata de especular cunha marca histórica como é o Ribeiro esta loita debe acadar rango de cuestión de país. Non se pode xogar con empregos, ilusións e proxectos de vida de miles de viticultores e adegueiros.