O Ribeiro Eduardo Peña, Mellor Viño Branco de Galicia

Os premios das Catas de Galicia entregáronse onte nunha gala en Santiago de Compostela

6 de novembro de 2025.

A D.O. Ribeiro está de parabén. Onte, durante a entrega de premios das Catas de Galicia 2025, o viño branco Eduardo Peña, da adega Eduardo Rodríguez e Luz Cánovas, situada en Castrelo de Miño, recibiu o máximo galardón, o Acio de Ouro que o sitúa como mellor viño branco de toda Galicia.

Na categoría específica de viños brancos D.O. Ribeiro foron premiados os viños Alter, de Dominio de Razamonde, co Acio de ouro, Pazo Tizón, da adega homónima, co Acio de prata e Casal de Armán, de Bodegas Casal de Armán, co Acio de bronce.

Pero os premios para a Denominación de Orixe máis antiga de Galicia non acaban aí, o Acio de Ouro da sección de viños de variedades senlleiras, foi para Máis de Cunqueiro Torrontés, de Adegas Cunqueiro.

No apartado de viños de colleitas anteriores, o Acio de prata branco recaeu en Armán Finca Misenhora 2023, de Bodegas Casal de Armán e o Acio de bronce tinto foi para Boas Vides 2022, de Antonio Míguez Amil.

O viño tinto Cotarelo, de Benigno Ríos Mosquera alzouse co Acio de bronce na categoría de viños tintos de colleiteiro e de pequenas adegas.

E, por último, no capítulo de viños de elaboracións con madeira, o Acio de bronce en viños brancos recibiuno Ramón do Casar Nobre barrica 2024, de Ramón do Casar.

A presidenta do C.R.D.O. Ribeiro, Concha Iglesias, ante os magníficos resultados comenta “que un Ribeiro gañe o premio de Mellor Viño de Galicia énchenos de agrado, quero felicitar ao equipo de Eduardo Peña polo esforzo empregado en lograr este viño, que agora se ve recompensado con fartura obtendo o máximo galardón en Galicia, pero tamén aproveito para felicitar ao resto de adegas premiadas, que lograron premios nas diferentes categorías”.

XXXVII Catas dos Viños 2025

Ao certame, organizado por AGACAL – Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, en colaboración cos consellos reguladores galegos, presentáronse un total de 445 referencias de viño (310 de branco e 135 de tinto) de 165 adegas diferentes, que foron catadas a cegas por un panel de cata formado por profesionais do sector.